Opinión

Compartidores de chicles

Confeso que durante a miña infancia en Montirón tanto os meus camaradas de patria coma min eramos moi dadivosos pero pouco mirados. Os que mastigaban chicle non dubidaban en sacar un anaco da boca para darllo ao compañeiro. Non había maior problema, salvo pola dureza e o escaso sabor da goma xa esmagada.

Nunca sentín noxo e moito menos medo por facelo —a afouteza da mocidade, seica—. Esas cochadas son cousa doutros tempos, dirán. Claro que si. Eran o resultado de criarse na rúa, ter uns pais pouco controladores, escaso diñeiro —as chucherías eran un ben de luxo— e ningunha pandemia, que se soubese.

Coa nenez que tivemos aqueles compartidores de chicles, ás veces pregúntome como estamos aínda aquí Checheíto de la Maruja, Chicho, Michi, Benito ou eu mesmo. Que cousas!

Comentarios