Opinión

A miña vida en rosa

CANDO FIXEN a primeira comuñón, ata o último minuto pensei que ía ir vestido de Pantera Rosa; si, si, do mítico personaxe animado de Hanna Barbera. Cando me puxo a miña nai esa mañá o traxe do Apóstolo Santiago, a miña decepción foi de carallo, por moito que me dixesen que as caponas desa vestimenta eran como as que engalanaban aos valorosos guerreiros. Eu quería ir de rosa, a miña cor favorita. De feito, aínda hoxe sigo a ter predilección polo rosa: teño camisas, calcetíns, calzóns, unha bufanda, e uns Crocs desa cor. Á miña idade non me importa xa que me miren por ese motivo, pero non sempre foi así. De rapaz tiña vergoña do que a xente opinase de min. Penso nos nenos e mozos de hoxe e nos estereotipos que lles marca a sociedade. Nas tendas de roupa, catálogos de xoguetes, utensilios diversos, etc... azul para eles e rosa para elas. Absurdo, non si? Pero a cousa transcende á cor. Por que un neno non pode pedir a Barbie e a súa irmá o coche teledirixido? Somos dabondo maduros e tolerantes para permitirlle aos nosos fillos xogar ás bonecas e ás nosas fillas ás pelexas de superheroes a ‘galletazo’ limpo? Deberiamos selo. Loitar contra o sexismo é loitar pola liberdade. Eu achego o meu anaquiño de ceo e seguirei... coa miña vida en rosa.

Comentarios