Opinión

Expiación de culpas

OS VECIÑOS de Verín despedían este sábado a Isabel Fuentes, a muller acoitelada polo seu marido cando estaba hospitalizada a causa doutra agresión, entre cuxas hipóteses estaba a ser investigada a de malos tratos. Convertíase así na primeira vítima mortal de violencia de xénero no que vai de ano en Galicia e na undécima de España. O certo é que, dende entón, non faltou o cruce de acusacións entre as diferentes fontes da investigación (Garda Civil e xulgado) nun intento de derivar responsabilidades. É o que se chama expiar a culpa botándolla ao do lado.  Á marxe diso, neste crime ábrense numerosas interrogantes que, a estas alturas, todo o mundo se fai. Por que se había indicios de malos tratos non se tomaron as medidas oportunas? Onde queda, así mesmo, o nivel de seguridade dos centros sanitarios cando calquera pode entrar portando unha arma? O “máis vale tarde que nunca” non serve en casos así á hora de aplicar medidas preventivas. Porque queda probado que o 'tarde' de algúns pode converterse no 'nunca máis' para outros.

Comentarios