Opinión

Cervantes viaxa a Barcelona

NON ME estrañaría que algún dos membros do xurado do Premio Cervantes tivese na cabeza propoñer como candidato a Javier Marías. Non me pronuncio se con merecemento total ou sen el, pero Marías é o escritor español máis recoñecido polo público e pola crítica de dentro e de fóra do país. Se saímos de España, agás Pérez Reverte na zona americana de fala española, ningún autor é tan coñecido nin se repecta e aprecia dende a crítica especializada coma ao fillo de don Julián., aquel filósofo do franquismo ao que tanto lin porque moito escribía, eran moitos os fillos aos que manter e o réxime non foi precisamente amable con el. Pois ben, se algún membro do xurado o tiña agochado como candidato no peito, seguro que axiña o calou para sempre por medo a que o escritor rexeitase o premio - e os cartos, este non se anda con hipocrisías coma o absorto, maleducado e endiosado Bob Dylan- , o que crearía un rebumbio que non merece a pena diante de premio tan prestixioso.

Concederllo a Eduardo Mendoza é unha detertiminación moito máis conservadora, segura e amable. O autor, ademais barcelonés escribindo en español - un punto relevante a ter en conta neste delicado momento histórico- , é dos que leva media vida dicindo que a novela está morta e el publica unha case cada ano, ten éxito de vendas e por riba agora recibe o premio máis importate en lingua española. Hai personaxes curiosos. Conste que a min Mendoza é un escritor que me parece con categoría e como persoa móstrase sempre sensato e con sentido do humor. O que fora tradutor polo mundo soubo aclimatarse moi ben á vida de escritor a tempo pleno, sen estridencia, con obras de calidade variable, pero sempre dentro dun gusto e dun atractivo para o lector que o converteron nun fecundo, coñecido e apreciado escritor da última parte do século pasado.

A don Miguel seguro que non lle molestará en absoluto que o seu premio viaxe este ano á súa amada Barcelona

Souben del por primeira vez - como supoño lle pasaría á maioría dos seus lecotores- pola magnífica novela “La verdad sobre el caso Savolta”. Esa foi sen dúbida unha saída triunfante, por orixinalidade, calidade, poder de seducción e tempero no ritmo da obra. Seino, seino. Sei que logo publicou obras de tanto ou áis éxito e grande ledicia dos lectores pola seu humor intelixente, pero sigo considerando que, xunto con “La ciudad de los prodigios”, foi aquela obra a súa mellor tarxeta de presentación e talvez a máis lograda da súa escrita. Pola constancia na súa producción, polo nivel das súa abundante obra, polo incursión en varias temáticas con diferentes perspectivas e ánimo de non se atar a un modelo de éxito asegurado, non digo que non sexa merecedor do premio. Galardón que sofre un problema de inicio ao bailar de América de fala hispana a España, porque na decisión, sobre todo no noso país, as presións, condicionantes e consecuencias da elección alcanzan sempre maior transcendencia.

Os premios conxugan tantas variables á hora da decisión final, poden resultar tan desconcertante a razón última pola que recae sobre un ou outro que, unha vez fallados, de inmediato reciben case sempre recoñecemento e admiración por parte de algúns e rexeite, dúbidas, desconfianza para outros. No caso de Mendoza non creo que sexa distinto. Dende logo, non me parece unha figura tan asentada, fortalecida e acreditada no canon literario coma para non pensar que outros tres ou catro escritores españoles, igual o mellor ca el, estarían en condicións de recibilo. Por que el? Polos misterios das coincidencias, do azar, da necesidade, da coveniencia, da oportunidade. Porque ás veces a fortuna salta coma unha lebre cando camiñas tan tranquilo polo monte.

Felicitacións para o premiado e para o grupo de amigos intelectuais de Barcelona que buscan unha convivencia sen amarguras nin problemas ficticios, que son cosmopolitas - amando as súas raíces, como debe sesr- , que escriben nun idioma que tamén é nacional alí, que non se enganan con cantos de sereas sobre países de fábula despois da independencia e que saben ir de de Madrid a Barcelona sen soñar bobadas coma a que diría que ao aterrrizar no Prat un pisa na verdadeira patria. Talvez isto, ademais de valores literarios que non nego, axudase neste momento a que Eduardo Mendoza sexa o flamante Premio Cervantes da letras. A don Miguel seguro que non lle molestará en absoluto que o seu premio viaxe este ano á súa amada Barcelona.

Comentarios