Opinión

Xuíces exemplares

E non existen dúbidas sobre a formación xurídica da inmensa maioría da xudicatura

RESULTA QUE o deputado que, con voz de comando, chamou bruja a unha deputada que interviña dende a tribuna en plena sesión do Congreso —imaxinemos a estampa macarrónica— é un xuíz en excedencia que até non hai moito traballaba como letrado no Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Preguntábase hai un tempo Joaquín Urías, que é profesor de Dereito Constitucional e ex letrado do Tribunal Constitucional, que é o que está a acontecer cos xuíces, pois un bo número deles, cando a lei ou a realidade permiten distintas interpretacións, tenden a cargar as tintas en resolucións conservadoras, non entendíbeis plenamente como democráticas ou alleas a visións progresistas da sociedade. ¿Lémbranse vostedes daquel xuíz que acabou votando a favor da absolución da manada violadora de Pamplona? O mesmo maxistrado tamén absolvera a un home acusado por abusos sexuais a unha nena de 12 anos, e santas pascuas.

Mais sigamos. Hai poucas horas soubemos que un xuíz, fillo doutro xuíz que foi presidente da Audiencia Provincial de Zaragoza durante o réxime franquista e irmán doutro xuíz de recoñecidos métodos, acaba de imputar á ex ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González-Laya, pola acollida humanitaria temporal do líder do Fronte Polisario, Ibrahim Ghali, moi grave de saúde e hospitalizado de urxencia en Logroño. O xuíz acusa á ex ministra de "prevaricación" e de delito contra a lei de fronteiras, ignorando a mantenta a súa señoría que Ghali posúe a nacionalidade española. Cousas menores.

O coruñés José Antonio Martín Pallín, que é maxistrado emérito do Tribunal Supremo, non ten pelos na lingua á hora de afirmar que no alto tribunal español hai "xuíces activistas", e que mesmo se chega a establecer, seguindo terminoloxía francesa, un "goberno das togas", título precisamente dun dos últimos libros nos que o maxistrado galego analiza polo miúdo o proceso catalán do 1-O, xuízo e sentenzas incluídas. Leamos o seu libro.

O certo é que existe un certo desprestixio da xustiza española, tanto internamente como no plano internacional. A propia Europa ten manifestado certa perplexidade diante de coñecidas actuacións do poder xudicial español. E non existen dúbidas sobre a formación xurídica da inmensa maioría da xudicatura. Mais bótase en falta que os xuíces serios e sabios, os xuíces demócratas, ocupen o espazo, e a acción, que verdadeiramente terían que ocupar.

Comentarios