Opinión

Xico de Carinho

Chegou ás miñas mans un deses libros que enchen o ollo non máis velo, tal é a beleza da súa forma externa —un paralelepípedo perfecto, que diría Luís Seoane— e tal é o que un intúe que existe no interior e que nun primeiro abrir de follas xa anuncia un lucimento particular en textos, fotografías, reproducións plásticas e outras formas e calidades que contén. O libro-obxecto en cuestión, que inclúe un CD musical e que está publicado pola Central Folque, leva por título ‘Na harmónica’, e sendo como é da autoría do músico e harmonicista Xico de Carinho, un histórico de culto da música popular galega, é tamén un xeito de homenaxe a un artista, Francisco Peña Villar (Cariño, 1940), que ten creado entre nós unha sostida admiración e unha simpatía permanente.

Eu lembro o Xico de Carinho —que por este nome é coñecido e ben recoñecido o músico, tal un poeta galego-portugués medieval—, presente na homenaxe a José Afonso de 1985 no parque vigués de Castrelos, e alí soubemos que o noso Xico e o xenial cantautor de Aveiro coincidiran os dous en París, onde teceran ambos unha amizade que traería o Zeca ao noso país, xa co álbum ‘Cantigas do Maio’ editado (1971), no que escoitamos por primeira vez o ‘Grândola, vila morena’, símbolo vibrante e entrañábel para sempre da Revolução dos Cravos portuguesa. 

No libro de Xico de Carinho podemos ver o noso virtuoso ‘harmoniquista’ en fotografías con Milton Nascimento, Paco Ibáñez, Geraldo Vandré ou Jack Walrath, e ten toda a razón Xan Carballa, un dos colaboradores do libro, cando di que entre os centos de músicos, concertos, encontros, festivais ou iniciativas musicais varias, a presenza de Xico de Carinho é unha constante dende os anos 60 do pasado século. A poeta Ánxeles Penas, referíndose ao disco que acompaña o libro do noso músico, fala de ‘mestría’ cando o intérprete e concertista, tamén compositor de varios temas, deixa que se eleven os sons da harmónica que cortan o ar para alongalo en ecos, e para puntear deste xeito a mágoa que aguilloa o corazón, un xeito de ‘eterno sentimento de alén’.

Con varias colaboracións literarias que enriquecen o libro-disco (14 temas musicais incluídos), entre elas as de Vicente Araguas e Rosalía Fernández Rial, ‘Na harmónica’ é unha xoia bibliográfica e discográfica. E Xico de Carinho, figura central da música popular galega, ocupa xa o lugar que lle corresponde.

Comentarios