martes. 20.04.2021 |
El tiempo
martes. 20.04.2021
El tiempo

Xerontofobia

RECENTEMENTE a Comisión de Dereitos Humanos do Consello de Europa denunciou un aumento considerábel dos discursos de odio dirixidos ás persoas maiores, dígase vellos ou anciáns. Para esta acción fóbica individual e social, moi activa nestes tempos de pandemia que vivimos, a vellez asóciase á enfermidade, á improdutividade e á ineptitude, e mesmo esta actual forma de aversión chega a ter a súa correspondencia, crecente, no plano político. En puridade, a xerontofobia é unha estupidez —todas e todos seremos vellos ou vellas se chegamos aló—, mais é unha estupidez neoliberal en curso que obtén certo éxito en determinadas instancias da sociedade. ¿Quen dixo, referíndose á denominada terceira idade, que o tempo restante de vida non xustificaba o gasto por parte do Estado?

Na sociedade xerontofóbica que nos tocou vivir, identificada como absurda e violenta en si mesma, construíuse unha imaxe da vellez que proxecta unha face de decadencia e nulidade, sendo así que sobre os vellos pesan cada vez máis atributos negativos de toda caste, o que nos leva finalmente, velaí os feitos, á condena programada dunha morte social en vida, soidade extrema e síntomas depresivos incluídos. Mais isto a poucos semella preocupar.

Como di o filósofo Roberto Rodríguez Aramayo, corren malos tempos para envellecer. E lembra o pensador a trama que expón Adolfo Bioy Casares na novela Diario de la guerra del cerdo (1969), na cal un grupo de xente moza do bonaerense barrio de Palermo decide un día comezar a ameazar, atacar e matar aos vellos, eliminando así, de golpe, o "xúbilo da súa xubilación". ¿Sabía albiscar Bioy Casares o futuro? O profesor Aramayo acaba sentenciando que a nosa ollada sobre os vellos, aquí e agora, perfila o modelo de sociedade que arelamos, e a este respecto a crise do coroavirus-19, xulguen vostedes, reflicte unha imaxe dabondo sombriza no espello da nosa moralidade.

Ben se sabe a día de hoxe que máis do 67% dos mortos no Estado español polo coroavirus corresponde a anciáns usuarios de residencias. En Madrid o 72,2%. E aquí, no caso galego, practicamente a metade dos falecidos procede tamén de residencias de vellos. Entre Madrid e Galicia tamén se sabe que o 80% das residencias son privadas. Tal vez por iso a mentalidade popular, que adoita ser sempre sabia, xa fala de "aparcadoiro de anciáns" ou de "granxas de vellos". Para estudar e meditar.

Xerontofobia
Comentarios