Opinión

Xavier Rodríguez Baixeras

Afirma o poeta cántabro Carlos Alcorta que a poesía é unha ferramenta imprescindíbel para loitar contra a grosería —’zafiedad’, escribe el en castelán aos efectos—, contra a mentira, contra a corrupción e contra a ignorancia. E cita o noso amigo poeta ao autor ruso Joseph Brodsky, premio Nobel no ano 1987, quen afirmaba que a poesía, a verdadeira escrita ou composición poética, é un extraordinario acelerador da conciencia, do pensamento e da comprensión do universo. E son estas palabras maiores. Clarividentes. A poesía entendida —a metáfora resulta perfecta— como un tubo de raios catódicos disposto para o coñecemento, como un acelerador de partículas de emoción a se transmutaren en sabedoría, en intelixencia exploradora e reveladora das pregas máis profundas da realidade. 

Na poesía galega contemporánea, tan diversa e heteroxénea —aí reside, entre outros, un dos seus valores latexantes ou pulsantes—, brilla, sen dúbida, un nome que noutros ámbitos culturalmente máis ‘normalizados’, como diría Manuel María, tería asento en cadeira trabada con fío de ouro. E ese nome non é outro que o de Xavier Rodríguez Baixeras.

O noso poeta viu a luz primeira na cidade de Tarragona no ano 1945 —estaba alí destinado na vella ‘Tarraco’ o seu avó paterno—, mais a súa vida, particularmente ligada a Ribadeo e a Vigo, tivo tamén paradas, neste caso por razóns académicas, en Segovia, Valladolid, Madrid, A Coruña, Palma de Mallorca e aínda, tempo despois, en Salvador de Bahía. A voz lírica de Baixeras —o seu apelido abonda para designalo como poeta recoñecido e máximo— resoa hoxe (entre tanto ‘ruído’ existente, como diría Luísa Villalta) límpida, penetrante, ritmicamente esculpida no tempo e entreverada na forma carnal do enigma e do asombro que toda obra poética, a nos traer o verbo da perduración, debe incorporar e manter como condición principal e inescusábel. 

De Baixeras, que é tamén un excelente tradutor de grandes obras literarias entre diversos idiomas —galego, castelán, catalán e italiano como ferramentas en primeira liña—, dixo Xosé María Álvarez Cáccamo que é un poeta que se abre a zonas da realidade non transparentes. A zonas onde reside, explicouno moi ben Gaston Bachelard, o realismo da irrealidade. Lean vostedes a Xavier Rodríguez Baixeras e descubrirán que a poesía é unha vía perfecta —apuntouno Marcel Proust— para lérmonos a nós mesmos.

Comentarios