Opinión

Volve a Filosofía

O filósofo Emilio Lledó di que a filosofía é unha conciencia crítica no seo da historia, e talvez por iso lle producía aversión a Wert, o peor ministro de Educación dos últimos corenta anos 

COMO VOSTEDES saben, o Congreso dos deputados acordou por unanimidade que as materias de Filosofía e Historia da Filosofía sexan obrigatorias en 1º e 2º de Bacharelato, incorporando tamén a Ética ao currículo de 4º da ESO. E supérase así a “época escura” do ministro José Ignacio Wert, que condenou a Filosofía ao ostracismo académico e que fixo posíbel que todos os decanos de Filosofía do Estado, o Instituto de Filosofía do CSIC e máis de 40 asociacións filosóficas formantes da Rede española de Filosofía chegasen a advertir que "non pode haber democracia sen filosofía", considerando ademais que o apagamento filosófico ordenado por Wert supoñía "o recorte máis brutal nos estudos en toda a historia da democracia española". Nada menos.

O filósofo Emilio Lledó, autor dun libro que debera ser de lectura obrigatoria, Sobre la educación, acaba de lembrar, ao fío da noticia sobre o regreso da Filosofía aos institutos, que a filosofía é unha conciencia crítica no seo da historia, e talvez por iso lle producía aversión ao peor ministro de educación dos últimos corenta anos.

O certo é que a Filosofía e as Humanidades no seu conxunto, tomándolle a palabra a Martha Nussbaum, son fundamentais para a democracia, porque achegan ferramentas de pensamento crítico que favorecen a posibilidade de cuestionar a tradición e a autoridade. E talvez nisto resida un certo odio, particularmente activo en posicións conservadoras e retardatarias, á filosofía. Algo que soubo ver con inmediata lucidez o Nobel portugués José Saramago cando, aínda sen se referir expresamente á filosofía, afirmaba que " alternativa ao neoliberalismo (velaí Wert) chámase conciencia".

Mais celebremos agora que a Filosofía volve ás aulas, despois de ter sufrido, é certo, unha clara persecución, acoso e intento de derribo. Dende o ano 2002 a Unesco proclama o terceiro xoves de cada mes de novembro o día Internacional da Filosofía, e faino para fomentar o libre pensamento e a libre elección en todos os planos da vida, recoñecendo ademais que a filosofía é unha ferramenta básica para a formación intelectual e para inculcar ás novas xeracións valores tan esenciais como a liberdade. Xa o dicía Aristóteles tres séculos antes da nosa era: "Adquirir dende novos determinados hábitos non ten pouca importancia, ten unha importancia absoluta". O filósofo grego está de perfecta actualidade.

Comentarios