jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Visitas a Cuba

O PRESIDENTE do Goberno español, Pedro Sánchez, visita Cuba 32 anos despois da última viaxe oficial protagonizada por un presidente español, Felipe González, en 1986. ¿Por que tantos anos sen visitar oficialmente Cuba por parte do Estado español? Nos últimos anos pasaron pola illa, ademais de tres papas da Igrexa Católica, mandatarios de Italia, Portugal e Francia, e tamén pasou Barack Obama como presidente dos EE.UU. e unha alta representante oficial da UE, Federica Mogherini. ¿Por que entón a dereita española pon pedras no camiño diante da viaxe a Cuba do presidente Pedro Sánchez?

Fraga Iribarne, como presidente da Xunta, viaxou oficialmente a Cuba por primeira vez no ano 1991 e Fidel Castro recibiuno con honores de xefe de Estado e coa interpretación do Himno Galego, estreado mundialmente no Centro Galego da Habana en 1907. Era algo "histórico" e as crónicas contan que Fraga converteuse nun mar da bágoas. Posteriormente, o presidente da Xunta realizaría unha segunda viaxe oficial a Cuba no ano 1998, sendo recibido igualmente como un xefe de Estado.

Fraga Iribarne, como presidente da Xunta, viaxou oficialmente a Cuba por primeira vez no ano 1991 e Fidel Castro recibiuno con honores de xefe de Estado

O certo é que a viaxe do presidente Sánchez a Cuba era altamente agardada pola comunidade española e galega na illa caribeña. Precisamente o presidente da Asociación de Empresarios Españoles en Cuba, o galego Xulio Fontecha, preguntado sobre que esperaba a comunidade española da visita do presidente do Goberno español, foi altamente expresivo na súa resposta: "Un pouco de agarimo". Fontecha explicou que as colonias española e galega se tiñan sentido "orfas" nos últimos anos e que non se entendía tal ausencia institucional nun país con tantos vínculos socioeconómicos como Cuba. E engadía algo a ter tamén moi en conta: "Os empresarios españois non comprenden as críticas da dereita diante calquera achegamento con Cuba".

España, hai que lembralo, é o terceiro socio comercial de Cuba, despois de China e Venezuela. É necesario ampliar os investimentos no país caribeño e levar a cabo un proxecto que permita o establecemento dun comercio bilateral, tal como expresou tamén o conselleiro da Oficina Comercial de España en Cuba, Federico Ferrer. E un último dato esclarecedor e a termos moi en conta: dende o ano 2009 as vendas de Galicia a Cuba medraron máis dun 240%. E aí existen grandes posibilidades de crecemento. Sen nos esquecer nunca das relacións humanas e culturais con Cuba, que son inescusábeis.

Visitas a Cuba
Comentarios