Opinión

Virus no ensino

SE SE TIVESEN feito as cousas ben, ao seu debido tempo e seguindo criterios científico-sanitarios, a reapertura dos centros escolares ofrecería a día de hoxe un índice de seguridade aceptábel para alumnado, pais, profesorado e sociedade en xeral. Mais, como resulta evidente, non se fixeron ben as cousas, nin en tempo nin na forma nin no fondo. A educación non está, como ben se observa, na primeira liña de prioridade das administracións, de aí que, na inmensa maioría dos casos, se chegue moi tarde ao deseño do novo período escolar, xerando así unha grande incerteza entre os directamente afectados.

En poucos días, ou horas mesmo, veremos como se apuran normativas, se establecen acordos e se rexistran criterios, en boa parte improvisados, para que o curso escolar se inaugure con certa normalidade. A OMS, tan deostada por algúns, entre eles Donald Trump, advirte que unha apertura prematura do curso académico podería empeorar a situación, dado que os nenos maiores de 10 anos —transmisores silenciosos— contaxian practicamente igual que un adulto.

Xa nos finais do pasado mes de xullo as asociacións de nais e de pais do noso país, xunto cos sindicatos do ensino, amosaban a súa preocupación pola falta de diálogo da Consellaría de Educación cos sectores representativos do mundo escolar, coñecedores estes en primeira instancia da realidade práctica da educación en Galiza. E todo semella indicar, por riba das boas palabras —ou non tan boas— ditadas dende os poderes políticos públicos, que existe unha máis que notábel imprevisión á hora de afrontarmos a nova xeira escolar. ¿Fica ben clara a día de hoxe a ratio de alumnado por aula? ¿Vai haber un aumento de profesorado, tan desexábel e necesario, en circunstancias tan extraordinarias? ¿Está garantida, como debera, a seguridade vital do alumnado e do profesorado? ¿Vaise contratar persoal técnico-sanitario ao respecto?

Eu non sei se algún día a sociedade no seu conxunto, tan domesticada particularmente polos medios televisivos, baterá palmas dende os balcóns e as fiestras a prol dos docentes, dos mestres e das mestras, dos profesores tan pouco valorados dende os ángulos de visión e de recoñecemento ao uso. O filósofo José Antonio Marina afirma que a educación non interesa a ninguén, agás aos pais con fillos en idade educativa. "Se cre vostede que a educación é cara, probe coa ignorancia" (Derek Curtis).

Comentarios