Opinión

Violencia contra as mulleres

Temos escrito nesta mesma páxina que a ultradereita española -herdeira da ditadura franquista e en moitos casos presta á xesticulación neonazi- está en contra das reivindicacións das mulleres cando estas se erguen democraticamente fronte á dominación e á opresión levadas a cabo polo sistema patriarcal. Este ámbito político, en definitiva, defende, por activa ou por pasiva, o exercicio da violencia contra as mulleres, sexa esta sexual, física, psicolóxica, simbólica ou económica. Ou todas elas xuntas.

Os promotores ou amparadores da violencia contra as mulleres, sexa do tipo que for esta, non dubidan en falar da existencia dunha "turba feminista supremacista" e chegan a definir as mobilizacións das mulleres en defensa dos seus dereitos como "marchas de la muerte". Unha violencia verbal, sempre aberta e en forma directa de agresión, que reforza e promove, sen dúbida, o comportamento machista do maltratador material de mulleres; a violencia de xénero, en suma, que se acaba traducindo en actos claramente delituosos e criminais.

Segundo estimacións documentadas da Organización Mundial da Saúde, unha de cada tres mulleres no mundo (arredor dun 35% da poboación feminina) ten sufrido ou sofre violencia física ou sexual dentro ou fóra da parella, sendo que o 38% dos feminicidios son executados pola parella ou exparella masculina da muller. Esas son as porcentaxes, elaboradas a partir de datos fornecidos por máis de 80 países. E en España, con cifras do ano 2018, a partir de estatísticas completas, presentáronse máis de 165.000 denuncias por violencia de xénero, de tal xeito que no ano 2019 a violencia machista expresa aumentou un 2% e o número de vítimas de violencia machista doméstica creceu un 3,6%.

A violencia contra as mulleres (velaí o libro de Lola Venegas, Isabel Reverte e Margó Venegas La guerra más larga de la historia. 4.000 años de violencia contra las mujeres, publicado no 2019) é unha violencia de carácter sistémico, e a historia do patriarcado non é máis que a historia do dominio masculino, tantas veces violento, sobre as mulleres. De aí que o fascismo vixente e crecente, sempre fiel á tradición do crime, siga marcando a pauta patriarcal que nega hoxe a violencia de xénero, da mesma maneira que negan a igualdade e os dereitos humanos, fomentando unha "educación" no odio e na discriminación. O perigo está aí. Ben visíbel.

Comentarios