sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Os nosos vellos

Os nosos vellos, si. E incluíndomos nese ‘nosos’ os vellos e vellas galegos e, á par, un sentido universal —toda a vellez do mundo— asociado ao signo de pertenza, agarimosa, fixado no posesivo plural. En Galicia contamos con máis de medio millón de persoas maiores de 70 anos, e ben se sabe que a día de hoxe só 7 municipios galegos teñen máis nacementos que defuncións. Na actualidade o número de prazas en residencias públicas para ‘maiores’ no noso país, manexando datos de 2018, é de 4.324, mentres que a oferta en residencias privadas non anda lonxe das 16.000. ¿Practicamente un 200% máis de prazas en residencias privadas?

Os nosos vellos en Galicia padecen tamén un taxa de pobreza que se eleva case ao 19% —velaí a información que fornece Cáritas—, o que non fala moi ben da nosa situación ao respecto. En realidade existe, tal como sinalan os especialistas en Xerontoloxía, unha percepción negativa da vellez, cando non aversión ou expresamente formas variadas de desprezo. ¿Alguén se interesa con seriedade, no plano político e social, polas circunstancias de soidade, de falta de recursos básicos e de abandono, tamén familiar, que vive un bo número dos nosos vellos? 

Nas sociedades comunais e seculares os vellos ou anciáns chegaban mesmo a seren autoridades, pois eran imaxe positiva de experiencia e de coñecemento

É ben certo que nas sociedades comunais e seculares, e aí está o noso mundo rural e mariñeiro, os vellos ou anciáns chegaban mesmo a seren autoridades, pois eran imaxe positiva de experiencia e de coñecemento. Mais nas sociedades industriais, urbanas, capitalistas e neoliberais, os vellos pasan a representar un rol marxinal, pois xa non son ‘produtivos’ e en certa maneira personifican a imaxe da inutilidade. E así se explica o que está a acontecer en diversas residencias xeriátricas españolas, nas que se atopan cadáveres humanos convivindo con anciáns abandonados, e moitos destes padecendo condicións de nula salubridade. A Fiscalía, disque, xa vai actuar. Como di o maxistrado Joaquim Bosch, portavoz no seu día de ‘Jueces para la Democracia’ e sen pelos na lingua, existe unha ‘mercantilización de anciáns nas residencias’. Simone de Beauvoir tampouco dubidou en afirmar que a condición media dos anciáns nas sociedades capitalistas é ‘subhumana’. Xulguen vostedes. 2 millóns de anciáns viven sós nas súas vivendas, tantas veces en mal estado, en España, e 1 de cada 4, tendo familiares próximos, non reciben visitas nunca. Os pobos que non reverencian os anciáns non teñen futuro.

Os nosos vellos
Comentarios