miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Un museo valioso

O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba posúe un altísimo interese cultural que só pode provocar no público visitante altas doses de admiración e de emoción

UNHA DEFINICIÓN moi atinada e completa de museo ofrécenola o Consello Internacional de Museos, o ICOM, que o percibe como unha institución de carácter permanente que adquire, conserva, investiga, comunica e exhibe para fins de estudo, educación e contemplación conxuntos e coleccións de valor histórico, artístico, científico e técnico ou de calquera outra natureza cultural. E atrás fica a razón etimolóxica do grego mouseion ou casa das musas, pois todas elas eran deidades que personificaban as artes e as ciencias.

O denominado Sistema Galego de Museos dá conta da existencia de 84 museos e "coleccións visitábeis" en Galiza, e tamén existe un Consello Galego de Museos que posibilita a "coordinación e colaboración entre as institucións museísticas galegas" e que procura solucións aos problemas museísticos existentes. Precisamente nun informe deste Consello de Museos, titulado Os museos na sociedade actual, pode lerse que os museos en Galicia carecen de valedores institucionais convencidos e solventes, e isto vai sumado a que poucas veces son asumidos como ferramentas básicas para a difusión cultural, pois non ocupan para os nosos xestores públicos a centralidade que si ocupan os museos noutras sociedades europeas.

Esta, con moi poucas excepcións, é a realidade no noso país. Recentemente vivimos a crise do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, algo moi lamentábel e grotesco, e sufrimos a desaparición —unha forma de iconoclastia implacábel e severa: puro menosprezo cultural— do Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy, o MAC da cidade da Coruña.

Mais eu quería referirme agora, ao fío do que falamos, a outra tipoloxía e orde de espazos museísticos que provocan admiración e reverencia inmediata. E refírome neste caso ao Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, o MUPAV, en plena capital da Terra Chá. Este museo vilalbés, ideado no ano 1991 polo médico e arqueólogo José Ramil Soneira e na actualidade dirixido polo arqueólogo e doutor en Prehistoria Eduardo Ramil Rego, é unha institución museística de altísimo interese cultural que só pode provocar no público visitante altas doses de admiración e de emoción. O museo vilalbés, como espazo valiosísimo que é no plano expositivo e científico, a través da investigación que realiza, merece todo o noso recoñecemento. Non deixen de visitalo. O coñecemento e a beleza están garantidos.

Un museo valioso
Comentarios