Opinión

Turismo, patrimonio e cultura

O patrimonio cultural é unha inmensa fonte de riqueza e leva aparellado unha vía de progreso humano e económico

REMATA O Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, declarado así polo Parlamento Europeo e o Consello da UE, e un ten a sensación de que, unha vez máis, se perdeu o tempo en certas teorizacións e pompas políticas que en nada borran a situación real, tantas veces crítica, da xestión cultural europea, carente de verdadeiras políticas en materia de patrimonio cultural que sexan realistas, eficaces e proveitosas.

¿E entre nós, aquí, no noso país galego? O denominado turismo cultural, nas súas diversas posibilidades, non conta o que debera de contar. Dito con cifras extraídas dun informe do Consello da Cultura Galega: só recibimos o 1,3% do total de turistas culturais que chegan ao Estado. E, por outra banda, o número de cidadáns galegos que levan a cabo viaxes culturais na propia comunidade vive unha franca caída. Con datos do INE deste mesmo ano, pódese dicir, por exemplo, que o gasto dos turistas estranxeiros no noso país caeu un 34% no que vai de ano, e boten vostedes as contas. Menos mal que temos o tesouro do Camiño de Santiago e a cidade capital que lle dá nome.

¿Que importancia se lle dá en Galiza ao patrimonio cultural nas súas variadas dimensións, dende as propiamente culturais, históricas e materiais ás antropolóxicas, por parte das diferentes administracións responsábeis? Se desexamos un turismo cultural con sensibilidade e afán de coñecemento, entendendo ademais que tal modelo de turismo, como ben manifestan diversos especialistas, ten a facultade de revelar e de valorizar un dos compoñentes esenciais da cultura viva, que é a identidade dun territorio, ¿por que permitimos que o 95% do noso patrimonio cultural estea en situación de perigo?

Quen afirma isto último é o investigador e historiador Xabier Moure, que non dubida en denunciar que un día si e outro tamén estamos a asistir por toda a xeografía galega a agresións a mámoas, petróglifos e castros sen que aconteza absolutamente nada, pois as administracións competentes (concellos e Xunta) ollan para outro lado. O patrimonio cultural, posto en valor e coñecemento, é unha inmensa fonte de riqueza e leva aparellado (velaí un posíbel turismo cultural e de calidade) unha vía de progreso humano e económico. O noso país, tan rico en patrimonio cultural, debería explorar esa vía. E non o fai. Como si o fan en moitos países europeos con éxito innegábel. Reflexionemos sobre o tema.

Comentarios