viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Televisións

Nas televisións máis habituais predominan en tertulias e debates os individuos vociferantes

EXISTE UNHA frase de Federico Fellini que xa se fixo clásica e tópica no mellor dos sentidos: "A televisión é o espello onde se reflicte a derrota de todo o noso sistema cultural". O cineasta italiano, radical e sincero na súa expresión, xa vira a chegada das canles privadas de televisión en Italia e percibiu de inmediato que os novos ámbitos televisivos estaban programados para gañar audiencia e xerar publicidade fose como for, velaí o gran negocio, pasando por riba de todo e convertendo a intelixencia nun cadáver. Era a televisión comercial ou televisión lixo, visceral e groseira, malfalada, de Berlusconi. E tivo éxito.

Algúns analistas teñen falado, referíndose ás televisións comerciais de baixa estofa, de seren estas un perfecto instrumento para o baleirado de mentes e para propagar unha sorte de analfabetismo funcional que nos leva a vivir, como diría Sartori, nunha cultura da incultura. E é ben sabido, como xa nolo advertira Erich Fromm no seu día, que o ser humano actual caracterízase pola súa pasividade e identifícase cos valores presentes do mercado, porque as persoas, nunha inmensa maioría, téñense transformado a si mesmas nun ben de consumo.

Eu debo confesar que nos últimos meses de confinamento pandémico, ademais de practicar crecentemente o vicio inevitábel da lectura, asomeime a algunhas canles televisivas para matar certo tempo de lecer e comprobar de paso, de primeira man, de primeiro ollar, o estado actual das televisións, pois tamén tivera a ocasión de reler o libro de Ignacio Ramonet La golosina visual, xa un clásico, no que se dá conta, por exemplo, dos informativos televisivos marcados polo sensacionalismo e creadores dunha realidade en moitos casos radicalmente manipulada ou directamente falsa.

En xeral, ademais de constatar o pésimo uso do idioma que se utiliza, sexa este castelán ou galego, nas televisións máis habituais predominan en tertulias e debates os individuos vociferantes, o desprezo polos valores democráticos e cívicos, e un xeito de espectáculo que moitas veces atenta mesmo contra a dignidade das persoas. Acerta de cheo, na miña opinión, o lingüista Noam Chomsky cando, referíndose á "estratexia da distracción", tan presente no espazo televisivo, nos lembra que unha forma de manipular o espectador e consumidor moderno é estimular ao público a ser compracente coa mediocridade. Coa cultura da incultura.

Televisións
Comentarios