Opinión

Teatro María Casares

Estando a lembrar estoutro día o monumento erixido en Berlín para non esquecer nunca a queima de libros realizada polos nazis, atei cabos e lembrei tamén as queimas de libros levadas a cabo polo franquismo dende o golpe militar de 1936 e en anos posteriores da ditadura. E a miña mente fixou de inmediato unha imaxe na cidade da Coruña, onde o 19 de agosto do 36, fronte ao edificio do Real Club Náutico, na Dársena coruñesa, se produciu a primeira gran queima de libros (arredor de 2.000 en dous días) das existentes no territorio do Estado español, acto de ‘biblioclastia’ ou ‘libricidio’ materializado pola Falange e apoiado polo fascismo coruñés, que carbonizou alí, por exemplo, obras de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, entre outros —xunto con títulos varios en galego das editoras Lar e Nós—, procedentes da biblioteca de Casares Quiroga (tamén obxecto de espolio inmediato), así como do Centro de Estudos Sociais Germinal, institución libertaria, republicana e federalista coruñesa.

E todo isto levoume a pensar que non estaría nada mal que a cidade da Coruña, o mesmo que se fixo en Berlín, dedicase un monumento que establecese ou fixase unha lembranza permanente do libricidio fascista, e ao mesmo tempo fose unha homenaxe ás editoras históricas coruñesas e aos creadores literarios comprometidos coa liberdade e coa democracia, fosen ou non galegos, e que arderon, xunto coas súas obras literarias, no furor destrutivo da cultura que era marca propia do totalitarismo franquista imitador do nazismo.

Mais a cidade da Coruña, por moito que se diga ou se teña feito ao respecto, que é moi pouco, se ten unha débeda clarísima, indubidábel, é a débeda que ten con María Casares, inmensa actriz e, como tal, personalidade altísima da cultura europea da segunda metade do século XX. Eu imaxino un día no que o actual Teatro Colón, inaugurado en 1948 e obra de Rodríguez-Losada, cambie democraticamente de nome e pase a chamarse Teatro María Casares. ¡Que mellor homenaxe lle podería facer a cidade coruñesa a aquela que naceu á beira do seu mar hai agora 99 anos, a piques de se cumprir o centenario do seu natalicio! A Deputación Provincial da Coruña, titular do Teatro, ten a palabra. O nome da cidade da Coruña, con dous teatros a levaren nome de muller (Rosalía de Castro e María Casares), brillaría aínda máis, sen dúbida, entre nós e no mundo.

Comentarios