domingo. 24.01.2021 |
El tiempo
domingo. 24.01.2021
El tiempo

Tambores de guerra

¿Acaso o crime decretado por Trump contra o xeneral iraniano Qasem Soleimaní non abre as portas a unha conflagración, rexional ou mundial, en toda regra?

A EXPRESIÓN 'TAMBORES de guerra' provén do uso que estes instrumentos de percusión tiñan nos campos de batalla, pois servían, a través do ritmo e resonancia producidos, para orientar a posición das tropas e mesmo para transmitiren mensaxes militares de carácter táctico. Cando escribo estas letras, despois do asasinato do xeneral iraniano Qasem Soleimaní ordenado por Donald Trump, soan no horizonte graves tambores de guerra. ¿Acaso o crime decretado por Trump non abre as portas a unha conflagración, rexional ou mundial, en toda regra? Así o advertiu, por exemplo, o ex coordinador da Casa Branca para Medio Oriente e o Golfo Pérsico no goberno de Obama, Philip Gordon, que fala abertamente dunha declaración de guerra contra Irán.

Por outra banda, a presidenta da Cámara Baixa de Representantes, Nancy Pelosi, non dubidou en cualificar o asasinato de Sulaimani de operación "provocadora e desproporcionada", engadindo que con este tipo de ataques córrese o risco de provocar un aumento da violencia moi preocupante, "e EE UU e o resto do mundo non poden permitirse un aumento das tensións até un punto de non retorno". O certo é que o ataque militar que produciu o asasinato de Soleimani foi levado a cabo sen sustento legal ningún (véxase o capítulo VII da Carta das Nacións Unidas), sen autorización do Consello de Seguridade da Onu e, claramente, contra o dereito internacional.

Con tambores de guerra máis ou menos retumbantes, acábase de saber que Iraq reanudou, tras a morte de Sulaimani, as negociacións con Rusia para adquirir sistemas antiaéreos S-300, tal vez os máis modernos e eficaces dos que se coñecen na actualidade. ¿Cal vai ser a posición do Iraq neste traballoso taboleiro político? Para comezar, tanto o Goberno como o Parlamento da República mesopotámica esíxenlle aos EE UU a retirada das súas tropas de territorio iraquí. E isto responde, sen dúbida, a unha vontade política inmediata mais tamén conleva elevadas doses de previsión. Cambiará o son producido polos tambores, mais os tambores continúan a soar.

Porque os EE.UU., con Trump ou sen el, constitúen na realidade contemporánea a maior ameaza para a estabilidade e a paz mundial. Acaba de dicilo Noam Chomsky, que considera vital evitar a guerra con Irán antes de que sexa demasiado tarde. Nas últimas horas as bases de Rota e Morón, utilizadas polo Pentágono, rexistran unha actividade aérea inusitada.

Tambores de guerra
Comentarios