Opinión

Sociópatas no poder

TEN RAZÓN, ao meu ver, o cineasta finlandés Aki Kaurismäki cando afirma, sen ningún pelo na lingua, que o mundo "nunca tivo tantos sociópatas e idiotas no poder". O autor de películas tan extraordinarias como Un home sen pasado, que é ademais, a través da súa obra cinematográfica e fóra dela, un perspicaz analista da sociedade contemporánea, non dubidou en denunciar igualmente unha Unión Europea que olla para outro lado diante do drama dos refuxiados, e referiuse tamén a un Consello de Seguridade da ONU sometido ao poder de veto dos EE UU e de núcleos de poder, de claro carácter sociópata, que só representan a un 10% da poboación mundial, como moito.

En realidade, o retrato dun sociópata non difire moito do dun psicópata, porque ambos os dous son excelentes manipuladores da realidade, peritos na mentira, dotados de ínfulas narcisistas, grandes controladores de actos propios e alleos, e, entre outras características a sumar aquí, son persoas que non teñen amigos de verdade, pois carecen de sentimento emocional e son particularmente incapaces de xerar verdadeira empatía cos demais. Mais se o psicópata, se queremos fiar máis fino, é un individuo carente de ética e moral –velaí os asasinos en serie–, o sociópata, aínda sendo inmoral, sabe, en moitos casos, interactuar perfectamente coa sociedade, pois, a pesar da súa conduta intrigante, pícara e enganosa, é un finxidor profesional que adopta aparencia exterior de honradez e sinceridade.

"Por desgraza, o número de sociópatas no poder, como di Kaurismäki, é moi elevado. E así anda o mundo"

Eu coido que Aki Kaurismäki cando dixo o que dixo, arríscome a pensalo, tiña na súa mente un prototipo ou figura de sociópata que todos coñecemos e que concentra na súa persoa, sempre próxima ao caricaturesco, un inmenso poder, tal vez o máis grande poder do planeta. Non hai moito publicouse nos EE UU un libro titulado O perigoso caso de Donald Trump: 27 psiquiatras e profesionais da saúde mental avalían a un presidente, unha obra que demostra que o "home máis perigoso do mundo" –así se afirma no libro– é altamente narcisista, impulsivo, hedonista, inmaduro, inepto, ignorante e sociópata. É dicir, o presidente Trump posúe "profundos trazos sociópatas" e sofre unha "perda persistente da realidade", segundo diagnostica o doutor Lance Dodes, que é analista emérito do Instituto Psicanalítico de Boston. Por desgraza, o número de sociópatas no poder, como di Kaurismäki, é moi elevado. E así anda o mundo.

Comentarios