Opinión

Sobre o diálogo político

O diálogo fai posíbel, en suma, a presenza dunha corrente de significado no seo dun grupo, a partir da cal pode emerxer unha nova comprensión

SE PARTIMOS da orixe etimolóxica do termo 'diálogo' vemos como se aglutinan, dende a raíz grega do mesmo, a forma 'logos' (palabra razoada e meditada) e o prefixo 'dia', entendido como 'a través de'. É dicir: palabra diversa posta en razón, en coñecemento, e fluente entre unha ou varias persoas. Como di o físico e filósofo estadounidense David Bohm, o diálogo fai posíbel, en suma, a presenza dunha corrente de significado no seo dun grupo, a partir da cal pode emerxer unha nova comprensión, algo creativo que non tiña lugar antes, en modo algún, no momento de partida.

¿E por que debemos celebrar, tanto no plano filosófico como no social e político o diálogo? Atentos a Hans-Georg Gadamer, autor dunha obra clave do noso tempo, 'Verdade e método', podemos concluír co pensador alemán que o diálogo é tamén unha forma particular de conversa, de consideración verbal entre contrarios, pois a conversa entre amigos sempre é 'duálogo', como ben nos lembra Ernesto Spinelli, autor dun moi interesante texto titulado 'O diálogo do diálogo'.

E todo isto vén a conto porque acabamos de coñecer, mediante inquérito realizado, que o 62,4% das cidadás e dos cidadáns galegos apoian o diálogo en Cataluña como forma idónea para resolver o conflito que alí ten lugar, fronte a un esmirrado 28,3% que defende a capa e espada (todo o contrario ao diálogo) a aplicación do xa moi repenicado 155. O GESOP, Gabinete de Estudos Sociais e Opinión Pública, autor do devandito inquérito, tamén conclúe que no conxunto do Reino de España un 52,6% das persoas entrevistadas están a prol dunha vía de diálogo coas forzas independentistas catalás, mentres un 37,3% apoiaría un 155 duro e disque permanente. Tiren vostedes mesmos as debidas conclusións.

O certo é que a maioría dos cidadáns españois aposta polo diálogo. E as cidadanías galega e vasca son, entre as que conforman o Estado español, as máis partidarias do diálogo en Cataluña e as que están máis en contra de aplicar o 155. ¿E na propia Cataluña? Un 78,5% está a favor do diálogo e só un 13,5% se manifesta en contra.

Como di un amigo meu, citando a Antonio Machado, "nunca perdáis contacto con el suelo (a realidade, digo eu), porque sólo así tendréis una idea aproximada de vuestra estatura". Ou volvendo a Gadamer, e tentando superar a incapacidade para o diálogo, "falar é un falar conxunto, e isto crea algo en común". A solución.

Comentarios