Opinión

Sobre a morte do galego

O idioma galego morrerá. Porque, sen irmos máis lonxe, morren todos os días anciáns e anciás galegofalantes

A escritora e doutora en Lingüística Xeral pola Universidade de Santiago de Compostela, da cal é profesora, Teresa Moure, afirmou recentemente nun artigo xornalístico, con rotundidade e perentoriedade, que o idioma galego está a morrer, e que tal circunstancia é unha “verdade incontroversa”. E case ao mesmo tempo tíñamos noticia de que toda a propaganda electoral da dereita española enviada ao noso país desestima, por falta de uso e con ánimo, nalgúns casos, de claro menosprezo, o “idioma propio de Galicia”, tal como consta expresamente no noso Estatuto de Autonomía.

Sendo como é a nosa lingua pai e nai do portugués, con máis de 260 millóns de falantes no mundo, o seu carácter internacional resulta innegábel, pois fálase o galego, con pequenas variantes de carácter lingüístico, en 4 continentes do planeta, dende o Brasil ou Angola a Cabo Verde ou Timor Oriental. E, sendo tal esta realidade, ¿como é posíbel que a nosa lingua natural sexa negada, desprezada, humillada e postergada, cando non vilipendiada, tanto no Estado español como no seu propio territorio de nacenza e de expresión?

Nun informe da Academia Galega titulado “Lingua e sociedade en Galicia 1992-2016”, no que se dá conta da perda progresiva de galegofalantes, especialmente entre a xente máis nova, advírtese que “algo está fallando cando o noso ordenamento legal desde os inicios da Autonomía prevé avanzar cara a unha situación de normalidade do galego e de igualdade co castelán e, pola contra, unha parte crecente dos e das galegas sente unha presión cada vez máis forte para abandonar o galego e adoptar o castelán”. E así mesmo é. O galego esmorece. Caeu de xeito alarmante —e en moitos ámbitos xa nin sequera ten lugar— a cadea de transmisión interxeracional da lingua propia do país.

Ningún pobo, ningunha comunidade, deixa de falar o seu idioma propio porque si, sen máis, como se se tratase dunha decisión natural. De seguirmos así, en medio século —insisto, de seguirmos así—, acabará tendo toda a razón Teresa Moure. O idioma galego morrerá. Porque, sen irmos máis lonxe, morren todos os días anciáns e anciás galegofalantes e non se produce compensación no uso do galego por parte de nenos e nenas e adolescentes, que, en maioría crecente, non o utilizan practicamente nunca. Cuestión, pois, de tempo. De números. A sociedade galega e as políticas da Xunta terán a última palabra.

Comentarios