sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Servizos públicos

Todo o que xa aconteceu no tempo vivido de pandemia, e todo o que acontecerá no tempo pandémico que aínda imos vivir, puxo e porá en valor diante dunha ampla maioría social os servizos públicos. Os traballadores sanitarios do sector público foron, sen dúbida, quen actuaron como auténtico muro de contención fronte á propagación do virus, ademais de seren fundamentais na atención médica hospitalaria dispensada ás persoas afectadas. E tamén a cidadanía recoñece o valor fundamental do público no ámbito da educación ou no que atinxe ás residencias para as persoas maiores. Enténdese, pois, que a universalidade dos servizos de saúde ficou blindada no plano político, pois hoxe os cidadáns non admitirían novas privatizacións neste espazo de prestacións dirixidas á comunidade.

E ao fío do recoñecemento dos servizos públicos sanitarios medra o número de cidadáns que reflexionan sobre o valor do público aplicado, véxase, á electricidade, ao gas ou á auga. ¿Acaso estes non son subministros esenciais e básicos? ¿Acaso a Constitución non inclúe un mandamento aos poderes públicos para a defensa dos consumidores e usuarios e para a protección mediante procedementos eficaces da súa seguridade, a súa saúde e os seus lexítimos intereses económicos?

O certo é que, dende hai anos, determinados gobernos, estatais, autonómicos e locais, esmeráronse en desmantelar e privatizar unha rede de servizos públicos que, contra vento e maré, viña existindo. E moitos destes servizos (entre eles os sanitarios, educativos, sociais, de auga, de enerxía, de vivenda ou de comunicacións) garantían, como mínimo, un principio de estado de benestar social centrado na totalidade da cidadanía. ¿E que acontece, pois? A resposta vén doada. Precisamente a experiencia sanitaria vivida na pandemia -e o que aínda fica por ver- esixe, dende unha perspectiva racional e humanitaria, non só blindar os servizos públicos existentes como gratuítos e universais, senón melloralos en toda a súa formalidade e amplialos con máis recursos humanos e materiais. Ninguén pode negar hoxe que os servizos públicos son fundamentais para que teña lugar unha sociedade verdadeiramente xusta.

E unha cuestión en tempo pandémico de vacinas: ¿por que non crear unha farmacéutica pública que traballe con diñeiro público paralelamente á investigación científica que se realiza nas universidades públicas? Debate aberto.

Servizos públicos
Comentarios