Opinión

Ricos e pobres

Líamos na prensa estes últimos días que os dez homes máis ricos do mundo duplicaron a súa fortuna durante o tempo que vai de pandemia, acumulando, aínda por riba, seis veces máis riqueza que os 3.100 millóns de persoas que na actualidade viven en situación de media ou alta pobreza no mundo. O patrimonio destes dez individuos, segundo as crónicas públicas, pasou só en dous anos de 700.000 millóns de dólares a 1,5 billóns de dólares, o que vén sendo 1.300 millóns de dólares máis ao día ou, se queremos velo doutra maneira, 15.000 dólares por segundo. En definitiva, a pandemia mundial enriqueceu, e enriquece, aos ricos de sempre e empobrece, aínda máis, aos pobres de antes e aos pobres de agora.

Mais, se falamos de pobreza, temos que acudir, da man do filósofo australiano Peter Singer, á definición que no seu día realizou da mesma o presidente do Banco Mundial Robert McNamara, quen chegou a establecer deste xeito o termo de ‘pobreza absoluta’: «Os pobres absolutos son seres humanos con graves privacións que loitan por sobrevivir nunhas circunstancias de miseria e degradación que, dende as nosas condicións privilexiadas, case non podemos concibir na nosa sofisticada imaxinación».  

E, mentres, no mundo neoliberal, a facer propaganda consumista, promocionar a desinformación e o telelixo e abrirlle paso, condenando a democracia, á extrema dereita

E engadía, en relación cos países desenvolvidos: «Os individuos das nacións máis pobres teñen un índice de mortalidade infantil oito veces superior, unha esperanza de vida tres veces máis baixa, un índice de alfabetización adulta un 60% inferior e millóns de nenos que reciben menos proteínas das que se precisan para que o cerebro se desenvolva de forma adecuada». Sobran máis palabras.

Porque, mentres os ricos duplican ou triplican a súa riqueza, máis do 23% da poboación mundial vive na pobreza absoluta: sen ingresos suficientes para satisfacer as necesidades biolóxicas máis básicas de alimentación, vivenda e vestido. Ou como di o autor de «Fame, riqueza e moral»: ao ano morren 18 millóns de persoas innecesariamente por causas que poderían ser evitadas. E, mentres, no mundo neoliberal, a facer propaganda consumista, promocionar o telelixo e a desinformación, e abrirlle paso, condenando a democracia, á extrema dereita.
Como ben expresa Adela Cortina, referíndose á economía que está en boca de todos, «unha ciencia que non consegue que coman os seres humanos é un fracaso como ciencia». E os ricos, cada vez máis ricos, acaban sendo un fracaso da ética e da humanidade.

Comentarios