Opinión

Recen, por favor

Con toda moderación, eu pídolles aos políticos do odio, da mentira e da calumnia que recen, por favor 

O Papa Francisco, que ten o meu máximo respecto, adoita dirixirse aos fieis cristiáns exhortándoos a practicaren, como é lóxico na forma relixiosa canónica, o rezo, a pregaria. Recentemente mesmo foi quen o pontífice de solicitar a oración preocupado pola situación actual de Colombia, porque é preciso "evitar, por razóns humanitarias, comportamentos prexudiciais para a poboación no exercicio do dereito á protesta pacífica". E aínda máis. Pondo o seu ollar, particularmente, nos católicos que lideran organizacións políticas e grandes empresas mediáticas, o Papa Francisco pediulles que rezasen —é dicir, que "conversasen con Deus"— e que abandonasen "a desinformación, a difamación, a calumnia e esa fascinación doentía polo escándalo e o suxo", procurando sempre "contribuír á fraternidade humana". Divinas palabras.

En realidade sorprende moito que as dereitas e as ultradereitas, que tantas veces se definen como cristiás e católicas —lembremos o ‘nacionalcatolicismo’—, non só critiquen abertamente o Papa Francisco polas súas palabras, o cal se traduce nunha falta grave e pecaminosa de respecto, senón que fagan caso omiso do humanista consello papal da oración ou da prece a Deus, algo que só derivaría en positivo para os seus propios espíritos e para o ben xeral do mundo.

¿Por que os amigos de Hermann Tertsch ou de José María Aznar, que falan de "mensaje ponzoñoso" do Papa e que son tan católicos eles, non practican o acto de encomendarse ao Señor para pedir axuda, sostén e consello e así superar as situacións adversas? ¿Por que, en definitiva, non rezan con todas as letras? Independentemente de que o Papa, por dogma, sexa infalíbel, ou cando menos inequívoco, o rezar configúrase como unha esixencia, obriga ou requisito para todo cristián, e velaí os textos sacros que se refiren a el como unha ordenanza, o que implica tamén humildade e conciencia de necesidade.

Mais é ben certo que a política da aversión e da xenreira, tan común nas dereitas extremas, tamén unidas á manipulación e á mentira, bate de cheo coas oracións, neste caso gramaticais e asertivas, do vicario de Cristo e sucesor de Pedro: "Os políticos xamais deben sementar odio e medo, tan só esperanza". Por iso, con toda moderación, eu pídolles aos políticos do odio, da mentira e da calumnia que recen, por favor. Que realicen con xeito a súa súplica relixiosa e apostólica. E sexan píos.

Comentarios