Opinión

Racismo real

Marlaska non tería criminalizado as persoas masacradas nin cualificado as bárbaras actuacións policiais de "proporcionadas"

Un vídeo perfectamente gravado, de xeito casual, permítenos ver como Carlos III evita saudar, nun man a man de cumpridos, un súbdito de raza negra que agardaba feliz e expectante para chocar a man, máis ben sonrosada, do novo rei, pois cando este percibe a cor do feudatario entusiasmado, dá en virar de súbito a súa cabeza real e saúda, ignorando a sobresaínte extremidade negra, a man seguinte que se lle ofrecía na ringleira de entregados cidadáns, branca esta como unha pomba londiniense. Xa a denominada duquesa de Sussex –filla de pai branco de Pensilvania e nai descendente de escravos africanos en Xeorxia (EE UU)– se referiu un día á existencia de diferentes formas de racismo na institución monárquica da House of Windsor, pois altos membros da Casa tiñan, seica, certo medo, e algúns até pavor, de que o froito matrimonial de Meghan e de Harry, viñese ao mundo con pel escura, tirando máis ao ébano da nai que ao rosado avermellado do pai.

O certo é que na Europa actual –así o recoñece a Comisión contra o Racismo e a Intolerancia– o racismo maniféstase en formas complexas e perturbadoras. Un informe recente elaborado polo Parlamento do Reino Unido sinala que a taxa de mortalidade das mulleres negras durante o parto é cinco veces maior que a das mulleres brancas –alguén debería explicalo cientificamente– e máis do 60 por cento das persoas negras non cre, xa que logo, que a súa saúde estea igualmente protexida polo Servizo Nacional de Saúde en comparanza coas persoas brancas.

O racismo, a discriminación racial e étnica, está a medrar en Europa, e o denominado Convenio Europeo de Dereitos Humanos é cada vez máis un simple papel mollado. Un valente Simon Woolley, líder da organización Voto Negro e membro da Cámara dos Lores, non dubidou en afirmar que o racismo –acudindo ao símil da pandemia– é unha peste global que está vixente dende hai máis de 500 anos. ¿E que podemos dicir do Reino de España, un composto étnico de sangue celta, fenicio, ibero, romano, xudeu ou árabebérber, entre outros plasmas ou humores históricos? Se os máis de 40 mortos en Melilla/Nador o pasado 24 de xuño fosen brancos e de ollos claros, e non negros subsaharianos e pobres, o ministro Marlaska non tería criminalizado as persoas masacradas nin cualificado as bárbaras actuacións policiais de "proporcionadas". Pura violencia institucional racista consentida.

Comentarios