Opinión

Prohibir a cultura

Tiña razón Nietzsche cando afirmaba que as prohibicións morais non poden exercerse máis que en épocas nas que a razón estivo ou está sometida 

Leo na prensa mexicana que a Universidade de Guanajuato, a través do seu director de Extensión Cultural, instou á súa Orquestra Sinfónica a non tocar pezas musicais de compositores rusos, prohibindo así, de facto, interpretar obras de Shostakóvich, Skriabin, Rajmáninov, Tchaikowski ou Rimski-Kórsakov, entre outros recoñecidos autores. Mais os músicos universitarios negáronse a retirar as obras dos compositores rusos do seu repertorio, e mesmo o director titular da Orquestra quixo facer constar que "un acto de censura abonaría aínda máis a polarización e a demonización dun pobo xa de por si brutalizado historicamente e ao que de ningunha maneira se lle pode culpar polas accións do seu presidente". E acabou engadindo que "a censura da arte e artistas rusos sería máis un acto de agresión en contra dunha cultura que un acto de solidariedade co pobo ucraíno". Xulguen vostedes os feitos.

O certo é que hai uns días unha universidade italiana quixo prohibir a obra de Dostoievski, e até o director da revista ‘La Civiltà Cattolica’, o xesuíta Antonio Spadaro, se manifestou contra tal prohibición expresando que "hoxe, xustamente hoxe, fai falta absolutamente volver a Dostoievski". Xustas e intelixentes palabras. Mais a censura continúa. E a Filmoteca de Andalucía censura unha obra clásica do cineasta ruso Andrei Tarkosvky, a Filharmónica de Múnic despide ao director de orquestra Valery Gergiev e a Órpera de Nova York ‘suspende’ á soprano Anna Netrebko.

Prohibir, inhabilitar, proscribir a cultura e as creacións que esta produce vén de vello. Para Josef Goebbels, o jazz era, en principio, "música americana negroxudea da selva", mais, afinando mellor o palurdo sen límites hitleriano, acabou por definila como "música de monos". Na Arxentina estivo censurada a obra literaria de Julio Cortázar, e ‘A orixe das especies’, de Darwin, tamén estivo prohibida no seu día na biblioteca do Trinity College de Cambridge, no cal o científico fora estudante. E non esquezamos nunca a persecución sufrida por Manuel Curros Enríquez e o seu libro ‘Aires da miña terra’, pois o poeta celanovés foi condenado á pena de dous anos, catro meses e un día de ‘prisión correccional’, secuestro de exemplares do libro incluído.

Tiña razón o filósofo Nietzsche cando afirmaba que as prohibicións morais non poden exercerse máis que en épocas nas que a razón estivo ou está sometida.
 

Comentarios