lunes. 12.04.2021 |
El tiempo
lunes. 12.04.2021
El tiempo

Presenza de Luz Pozo Garza

NUN RETRATO literario de Luz Pozo Garza que eu escribín xa hai ben anos, referíame a ela, á súa presenza, como unha exhalación luminosa, pois a súa persoa transmitía un sentido inequívoco de elevación, de eminencia, de virtuosa elegancia. Méndez Ferrín quixo ver nela, muller e poesía, unha sorte de «esplendidez sensual» e Carmen Blanco falou, con acerto, dunha «rebordante sensualidade». Así era Luz Pozo, esencialmente, un ser persoal e poético que nos enfeitizaba como unha chama de delicadeza traspasando o ar, un voo de beleza e plenitude entrañábel, e un espazo puro de sensibilidade que ela proxectaba na súa poesía en formas pensativas de sabedoría fondamente humanizada.

Eu un día pregunteille a Luz Pozo que era a poesía e despois dun condensado silencio faloume da revelación do espírito e da conciencia, e nomeou de xeito inmediato a Rosalía de Castro, a Hölderlin e a Rainer Maria Rilke. Para ela, a autora de Follas novas era un todo coetáneo, unha luminaria permanente: "É o noso pasado, o noso presente e o noso futuro". No seu libro de poemas titulado Vida secreta de Rosalía, a autora establece un diálogo íntimo coa nosa poeta clásica, irmá viva no fondal da palabra, "rosa" de todos, e escribe estes versos que traspasan o tempo: "Digo o teu nome/ e pónseme nos labios unha fábula en sombras./ Pequenos reiseñores./ Unha rosa ferida".

Sen dúbida, entre Rosalía de Castro e Luz Pozo Garza existe un nexo recóndito e unha alianza misteriosa, secreta. As rosas que contén o nome de Rosalía, tantas veces feridas ao longo da súa vida, penetran coa luz da alba esplendente o nome de Luz Pozo, ao que se lle une a "perforación vertical da terra" e, en contraposición, a "ardea alba", a garza branca, símbolo do ciclo solar, da elegancia contemplativa e da lonxevidade. As dúas poetas, Rosalía e Luz, están xa unidas e unxidas, proclamadas, para sempre.

Lembro eu na casa coruñesa de Luz Pozo Garza o piano que fora agasallo de Eduardo Moreiras e a Obra Completa de Castelao ben disposta no andel. Con dezaseis anos a nosa poeta tivera que fuxir coa familia a Marrocos, seguindo a seu pai, que sufrira dous anos de cárcere despois do golpe militar fascista de 1936. En Larache, a nosa poeta luguesa lembraba os seus días en Ribadeo e en Viveiro. Mais a súa presenza, sempre animada pola luz, axigantouse camiño do futuro. E hoxe o seu voo luminoso continúa.

Presenza de Luz Pozo Garza
Comentarios