Opinión

Políticas da medianía

Asistimos con frecuencia ou asiduidade a declaracións ou actuacións políticas nas que o seu trámite verbal, cando esa é a súa vía de produción, se converte en mostra de verbosidade en moitas ocasións anódina, mediana ou mediocre, cando non directamente desatinada ou irracional, extravagante ou, como diríamos tamén, badueira e insensata. E probas ben visíbeis existen desta tipoloxía política comunicativa e actuante: sen irmos máis lonxe, e con doada identificación, no caso, por exemplo, da presidenta da Comunidade de Madrid, todo un prototipo de expresión e de acción, tantas veces insólita e inverosímil, que se ten convertido en ‘marca’ da casa. Mais non está ela soa. Numerosos homes e mulleres, metidos nas lides políticas, practican con toda naturalidade a medianía, a trivialidade, o ordinario indelicado ou malfalado, e todo iso ‘trufado’ con faltas de entendemento, datos non traballados ou directamente falsos, contradicións ao galope e insubstancialidades ou bagatelas varias.

A estas alturas do século XXI, aplicado a certos campos da política, segue a ter plena validez, sen dúbida e por desgraza, o que Santos Discépolo escribiu no seu tango Cambalache de 1934, cando afirmaba que «no hay aplazaos, ni escalafón, / los inmorales nos han igualao.../ Si uno vive en la impostura / y otro afana en su ambición, / da lo mismo que sea cura, / colchonero, rey de bastos, / caradura o polizón». E engadía, a se laiar, o compositor arxentino: «Qué falta de respeto, / qué atropello a la razón». Xulguen vostedes. Porque noventa anos despois as cousas, na liña da vulgaridade política moitas veces imperante, seguen a manter o mesmo cariz.

As políticas medianas ou da medianía —vémolo ben nos nosos días— viven satisfeitas no seu ‘ecosistema’ verborreico e demagóxico onde aniñan as mentiras que insultan a intelixencia da poboación, montaxes nepotistas que transparentan a degradación moral existente e unha actitude á procura dun voto clientelar e emocional que se desentenda de calquera aspecto social e cultive un certo gusto pola futilidade.

Aquilo que enunciou no seu día Blas Infante sobre un Estado que for «escola» e unha política concibida como «arte de educación», non ten hoxe espazo entre nós. Todo está perdido cando a maldade —léase tamén medianía— chega a se converter en exemplo. Oxalá o filósofo Demócrito, que era tamén polímata, non leve a razón.

Comentarios