Opinión

Política e irracionalidade

Resulta imposíbel non coincidir co filósofo José Antonio Marina cando afirma, dado o panorama actual existente na ‘pell de brau’, que a irracionalidade política acaba por resultar unha enfermidade mortal —enténdase a metáfora—, un fracaso da intelixencia e un «círculo infernal» ao que nos vemos abocados. Máis alá de térense subido ao carro da mentira crecente e incesante unha boa parte de voces políticas por todos coñecidas, a racionalidade no discurso político —neses mesmos ámbitos aos que nos referimos— non só non ten existencia ningunha como tal senón que se transforma acotío en bulos, infundios, insultos, patrañas, consignas disparatadas ou extremosidades delirantes, cando non cae directamente no irracional esperpéntico ou grotesco, ou no contrasentido e disparate que, desculpen vostedes, ten raíz de necidade, de sandez inmediata ou de expreso cretinismo.

¿Exemplos de todo isto que afirmamos? Dende o trumpismo imperante en Madrid até as distintas versións, e con diferentes tonalidades persoais, que foron tomando corpo en España, a retórica irracional, bruta e salvaxe —que diría Roberto Bolaño— no eido do político tense convertido nun auténtico fenómeno sociolóxico que leva camiño de se naturalizar con todo o seu fluxo radiante de falsidades. E esta estratexia politicamente demencial —só baseada no insulto e na confrontación obsesiva e compulsiva— faille un dano incalculábel ao espírito democrático e converte o público cidadán en mero espectador dun ‘pan e circo’, entre a farsa e a impostura, hipnotizado en boa parte polas formas demagóxicas e autoritarias postas en acción.

Tal vez habería que revisar as teorías do psicólogo francés do século XIX Gustave Le Bon sobre a manipulación dos grupos e das multitudes no espazo político, mais o que fica meridianamente claro é que o trumpismo fascistoide, nas palabras e nas formas, está penetrando o noso corpo social e crea ‘sentimentos’ de índole política que poden derivar en futuras accións violentas.

O negocio político da irracionalidade está xa no momento actual —xúlgueno vostedes— a se converter en pandemia, en ‘peste’ de altísima agresividade, e só unha ética ou unha ciencia da verdade, con datos reais na man e con razoamentos lóxicos e verídicos, sería quen de coutar semellante andazo que padecemos. 

Ou se fai ou a democracia acabará por ser un triste e deprimente papel mollado.

Comentarios