viernes. 22.01.2021 |
El tiempo
viernes. 22.01.2021
El tiempo

Pobreza no Nadal

COMO BEN se pode comprobar, a inmensa maioría das televisións nas datas de Nadal preséntannos un panorama, luces e adornos incluídos, que acaba sendo o deseño dun paraíso de felicidade, agasallos, glamour, ilusión, paz e fantasía como sinais supremos de bondade e amor. En realidade, o Nadal, amplificado sen compaixón nas pantallas, tense convertido nunha grande campaña publicitaria, elefantiásica e sentimentaloide, dirixida sobre todo ás mentes dos nenos e das nenas, preparándoos xa para asumiren como propias as formas consumistas e individualistas do capitalismo reinante. ¿Acaso o Nadal actual, co seu bombardeo publicitario intensivo, non consiste nunha grande chamada comercial a gastar en xoguetes, perfumes, teléfonos celulares e outros produtos? Existen estudos que revelan que a estratexia comercial do Nadal supón nos EE UU, en moitos casos, o 50% das compras de todo o ano.

Que cadaquén pense no tema en cuestión e tire, se quixer, as súas debidas conclusións. O certo é que no Nadal que se vive na Europa cristiá e en boa parte do continente americano, particularmente nos EE UU, brillan as estrelas loucas do dispendio mentres no mundo máis de mil millóns de persoas malviven na pobreza extrema. ¿Como ven e como senten os nenos pobres, tamén os de aquí, o Nadal? ¿Por que determinadas empresas promocionan sen tregua, a través das televisións, en concreto, agasallos, alfaias e manxares que só poden gozar un determinado tipo de persoas?

Só nos EE UU, o país, disque, máis rico do mundo, 50 millóns de persoas pasan fame, tamén no Nadal. ¿E que fai o cocacoleiro e milagreiro Santa Claus —outra cousa é o seu verdadeiro antecedente, o bispo Nicolás de Bari, que vestía de verde para chegar ás casas dos máis de 15,5 millóns de nenos pobres que viven nos EE UU, segundo datos da Oficina do Censo? No Reino de España, tan dado a luces e enfeites natalinos, hai máis de 1,4 millóns de menores que viven en situación de pobreza severa e 2 millóns en risco de pobreza. Tamén no Nadal. E en Galicia, segundo a consultora AIS Group, o índice de poboación infantil en risco de sufrir pobreza xa atinxe o 25,9% dos nosos nenos. Tamén no Nadal. E viva o consumo e as panxoliñas, cando a pobreza, en palabras da filósofa mexicana Paulette Dieterlen, sendo como é un problema político, constitúe unha afronta moral á autonomía e á dignidade do ser humano. Tamén en Nadal.

Pobreza no Nadal
Comentarios