martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

Pintura de Alfonso Costa

O noso pintor ofrécese agora máis xestual na súa linguaxe, máis no gume do tempo (pandémico) que vivimos 

EXPÓN ALFONSO Costa en Santiago de Compostela, na fermosa e cordial Galería Luisa Pita, e a contemplación da última obra do artista lévanos a unha sorte de conmoción admirativa, como nos diría o mestre en Artes escocés Bruce Wardropper, pois ese é o resultado que produce a visión da mostra pictórica do mestre noiés. E dicimos mestre, con todas as letras, porque Alfonso Costa, que é un paradigma formal e estético de alta factura en si mesmo, leva máis de medio século de carreira artística, dende unha primeira exposición realizada en Jaén no ano 1967, con 24 anos de idade, á que lle seguiría, dous anos despois, xa en Madrid, unha mostra na para moitos mítica Galería Toisón, situada na rúa Arenal.

Contan as crónicas con toda veracidade que, en certa ocasión, estando acompañado Alfonso Costa do seu amigo Xavier Costa Clavell, coincidiron estes con Luís Seoane, que viña de ver a exposición dun pintor catalán —Alfonso Costa instalouse en Barcelona con 17 anos—, ao que se refería como excelente e magnífico no seu proceder e na súa estética pictórica. E Costa Clavell, encantado da vida, respondeulle ao gran Seoane: ''Pois aquí o tes, o Alfonso Costa, que ademais é un pintor galego de pura cepa''. Fin da historia. Mais alá da anécdota, substanciosa en si mesma, o certo é que Luís Seoane acertou de cheo na súa visión sobre o pintor noiés, quen xa a partir do ano 1972, becado pola Fundación March para viaxar a Florencia, oi quen de construír un mundo plástico que en poucas décadas o situou como un dos grandes artistas contemporáneos no plano galego, ibérico e internacional.

Admirado polo crítico de arte belga René Micha, que xa escribe sobre a súa obra en 1975, Alfonso Costa ofrécenos nesta última exposición en Compostela —aínda escintilan as luces poderosas da gran mostra realizada no Pazo de Fonseca xusto hai un ano— un conxunto de formas plásticas, entre a luz e a sombra, entre o negro e o branco, que supón outra ''realidade'' para un pintor que é perito destro en cromatismos e que ten iluminado o mundo con formas a provocaren o estremecemento. Eva Veiga, sempre profunda no seu ver, fala da nova obra de Alfonso Costa utilizando o sintagma ''nudez elemental''. Porque o noso pintor ofrécese agora máis xestual na súa linguaxe, máis no gume do tempo (pandémico) que vivimos, máis explorador dun inmediato signo pictórico que nos conmove fondamente.

Pintura de Alfonso Costa
Comentarios