miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

As persoas en primeiro lugar

Teñamos ben presente, como quería o filósofo, que só na saúde hai liberdade, pois a saúde é a primeira de todas as liberdades

O PROCESO DE PRIVATIZACIÓN da asistencia sanitaria comezou, como ben se sabe, na década dos 70 do pasado século, e aí estaba Margaret Thatcher ordenando o desmantelamento e a fragmentación do sistema sanitario público; é dicir, o abandono e a desatención da saúde pública, tamén entendida, se se quer, como asistencia sanitaria pública ou asistencia sanitaria universal. E tivo éxito. Madia leva. Porque os resultados son ben visíbeis. Co desmantelamento da saúde pública —algo que se pode comprobar de xeito obxectivo—, as persoas pasaron a un segundo plano e púxose en risco a asistencia sanitaria pública e democrática dos cidadáns.

Na actualidade non deixamos de ver como a saúde, en moi boa parte, pasou a se converter nunha mercadoría e deixou de ser, xúlgueno vostedes, un dereito humano esencial, pois triunfa o lucro económico e empresarial dos lobbies da sanidade privada. Agora, cando hai que lle facer fronte ao coroavirus, vemos como a deterioración da sanidade pública —recortes económicos continuos, precariedade do persoal e falta de medios e recursos, entre outras eivas— pon en perigo a saúde das persoas, pois a estrutura vixente non as contempla en primeiro lugar. Como di unha das investigadoras de máis prestixio en inmunoloxía e viroloxía en España, Margarita del Val, se o coroavirus atinxise a un 1% da poboación o número de pacientes sería absolutamente inabsorbíbel polo sistema sanitario.

¿E en toda esta crise, xa presente a día de hoxe e con máis incidencia previsíbel no futuro inmediato, que fan os centros hospitalarios privados e a sanidade privada en xeral? A resposta é doada: póñense de perfil, lavan as mans e derivan os pacientes aos centros públicos. ¿E pódese permitir, en momentos próximos a unha emerxencia social, que a iniciativa sanitaria privada non traballe polo ben común? Só en Madrid, entre os anos 2010 e 2018, desapareceron no sistema sanitario público 1.950 camas e 3.300 profesionais. ¿E que vai acontecer en Galicia -coroavirus á vista- cunha sanidade pública que se desmantela día a día e que pon máis o ollo, como ben di o médico e escritor Pablo Vaamonde, en espazos de negocio particular, aseguradoras privadas, empresas de tecnoloxía e industria farmacéutica?

Nos días que andamos teñamos ben presente, como quería o filósofo, que só na saúde hai liberdade, pois a saúde é a primeira de todas as liberdades.

As persoas en primeiro lugar
Comentarios