Opinión

Pablo Milanés en nós

Tiven a fortuna de coñecer a Pablo Milanés en La Habana, coido que no ano 2008, na compañía, sempre benfeitora, de Xosé Neira Vilas e de Anisia Miranda, e da man da que era a súa muller, iluminadora e sapiente, Nancy Pérez Rey, natural da vila coruñesa de Mazaricos, licenciada en Historia e investigadora en materias de migración e de exilio. O cantante ofreceume a súa guitarra para que lla afinase —era unha proba— e eu, cos nervos na punta dos dedos, afineina como puiden —case a improvisar os sons de referencia de memoria—, din catro notas de Bach, o mestre sorriu e devolvinlle o instrumento para que nos interpretase, como así fixo, un dos últimos temas musicais que acababa de compoñer e que falaba de Galiza. Ficamos todos ateigados de emoción, e lembro particularmente a Pepe Neira a me fitar cos ollos moi abertos en sinal feliz de asombro e sorpresa.

Cando agora a vida física de Pablo Milanés cesou para el, para os seus e para nós, a súa figura humana e artística —el xa era un coloso da canción cubana e universal— axigántase aínda máis, pois a súa obra, que sempre foi un paradigma expresivo de amor vital e de beleza, irradia xa para a eternidade toda a súa fondura, toda a súa enerxía poética e as mil e unha formas da felicidade e da ‘fertilidade’ —velaí a etimoloxía— que o compositor e intérprete era capaz de producir para nós. Pablo Milanés, co conxunto da súa obra, por suposto, mais en particular con algunhas cancións que todos temos e conservamos na memoria, é unha referencia de primeira orde na nosa educación sentimental, como o Pablo Neruda das "Vinte cancións de amor..." ou o Victor Fleming de ‘Gone with the wind’ dirixindo a Vivien Leigh.

O pianista e compositor José María Vitier definiu a voz do cantante cubano como de "plaza fuerte y solidaria, voz de isla infinita y tierra firme, dulce y a la vez poderosa". Unha voz que, a través dos versos tecidos e temperados no tempo polo poeta que tamén era Pablo Milanés, chegaba a se infiltrar en nós, provocando tantas veces unha ledicia inexplicábel próxima ao estremecemento. Por iso mesmo Pablo Milanés non morre. Non morrerá nunca. Sempre estará en nós. Agora, cando escribo estas liñas, milleiros de persoas, en todo o planeta, están a escoitar algunha das súas cancións. Sempre a teceren afectos, emocións e beleza, sempre a crearen a patria da tenrura. Pablo Milanés xa vive no futuro. 

Comentarios