jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Os algoritmos

Os algoritmos, en definitiva, traspasan a nosa pel e colonizan a nosa mente e o noso corpo

VAIA POR diante que a palabra algoritmo ten moito a ver co gran matemático árabe Al-Khwarizmi, pai do álxebra e autor dunha obra capital da que só se conserva a súa tradución ao latín realizada no século XII: 'Algoritmi de Numero Indorum'. Do árabe tamén viñeron as palabras ‘cifra’ ou ‘cero’, e tantas outras, mais a forma ‘algoritmo’, a día de hoxe e en plural, está de moda porque vive pegada á tecnoloxía e ao mundo da programación informática. Fálase, como ben se sabe, da ditadura dos algoritmos nas redes sociais e até George Soros chegou a afirmar, por exemplo, que Facebook e Google, naves nodrizas algorítmicas por excelencia, son unha ameaza para a sociedade e a democracia.

¿Mais que son realmente os algoritmos na actualidade que vivimos? A socióloga turca Zeynep Tufekci, doutora pola Universidade de Texas e investigadora sobre as implicacións de carácter social das tecnoloxías emerxentes, fala dos algoritmos como matrices xigantes, millóns de ringleiras e columnas con datos que, dada a súa dimensión, xa nin os propios programadores controlan como operan ou funcionan. Mais debemos ter en conta que os algoritmos internéticos son o resultado dun deseño humano, dun sistema de intelixencia artificial construído dende o sector empresarial privado cuns determinados intereses sociais, económicos, comunicacionais e, tamén, políticos.

¿Existe un capitalismo dixital? Ninguén, visto o visto, pode negalo. Os algoritmos, tal como están establecidos, moran entre nós, na internet global, para produciren, dende as empresas e corporacións monopolísticas coñecidas, rendemento económico privado. Vivimos nun mundo, particularmente urbano ou tendente ao 'edificio', no que reinan os cables de fibra óptica, as bases de datos, os sistemas integrados e novas configuracións ou estruturas de soberanía que 'ocupan' o espazo electrónico e afectan de cheo ao noso vivir automatizado na realidade presente. E iso ten un prezo.

Os algoritmos, en definitiva, traspasan a nosa pel e colonizan a nosa mente e o noso corpo. O escritor e programador informático italiano Giorgio Griziotti, autor precisamente dun libro titulado Neurocapitalismo, fala da existencia dun control biopolítico exercido sobre os individuos, cada vez máis en simbiose coa tecnoloxía, o que moitas veces se traduce en submisión a un implantado poder. ¿E fronte a iso? Reprogramación e algoritmo social.

Os algoritmos
Comentarios