Opinión

O non á guerra

Obsérvase en determinados ámbitos políticos e de opinión pública unha contida euforia –digamos etimoloxicamente "sensación persoal de benestar"– diante da posibilidade dunha intervención bélica no segundo país ou Estado máis extenso de Europa por detrás de Rusia. Semella que as dirixencias políticas dos países poderosos do denominado bloque occidental, ovellas rasas dos EE.UU. –Alemaña non tanto–, albiscan ou enxergan, con certas contraccións espasmódicas sadomasoquistas, a eventualidade dunha guerra xusta, segundo elas, contra Rusia; pois esta, aseguran, quere invadir o país de Nikolai Gogol, que para Dostoiesvski viña sendo o fundador da literatura rusa.

Mais alén das complexidades políticas e históricas –Mijaíl Bulgákov, por certo, tamén era nativo de Ucraína– o "non á guerra" ten un claro antecedente no filósofo alemán Immanuel Kant, quen dende a obra Para a paz perpetua (1795) manifesta con contundencia inequívoca que "non debe haber guerra". E tal vez así, proclamando esta máxima, lle facía xustiza o pensador prusiano ao historiador e xeógrafo grego Heródoto, quen, non século V antes da era actual, xa afirmaba que ningún home é tan parvo como para desexar a guerra e non a paz, pois na paz os fillos levan seus pais ao sartego, e na guerra son os pais quen levan os fillos ao mesmo.

A pesar da existencia das guerras, a paz é unha práctica e unha realidade social tan vella como a mesma humanidade

A guerra, en definitiva –advertíao Karl Von Clausewits–, non é simplemente un acto político, senón un verdadeiro instrumento político, unha continuación práctica da actividade política, ou, o que é o mesmo, a realización da política por outros medios. Eu lembro a un Barack Obama, premio Nobel da Paz cando presidía un país con dúas guerras abertas, citando ao Martin Luther King que dicía que a violencia nunca trae a paz nin resolve problema ningún, porque só trae problemas novos e máis complicados, e ao mesmo tempo manifestando –todo un Nobel da Paz a xustificar a guerra– que defender a guerra non é un acto de cinismo, senón un recoñecemento da historia. Dobrez e fariseísmo en estado puro.

O certo é que, a pesar da existencia das guerras, a paz é unha práctica e unha realidade social tan vella como a mesma humanidade. E é unha obriga ético-política a defensa e o recoñecemento social e universal da paz. Sexan ben vixiantes os pobos europeos. Porque ben sabemos –velaí sempre Jean-Paul Sartre– que cando os ricos fan a guerra son os pobres os que morren.

Comentarios