Opinión

O negocio do fútbol

Tamén no denominado deporte rei o negocio duns poucos acaba por se converter nun excelente esterco

Que existe un negocio do fútbol resulta a estas alturas innegábel, e explícao moi ben Martín Monsalve, que é na actualidade profesor na Universidade de Oxford e autor dun traballo de grande interese titulado Una introducción al estudio del fútbol como negocio global y local. Explica o académico peruano, seguindo neste caso a Rory Miller, que é profesor do MBA Football Industries pertencente á Universidade de Liverpool, que existen, con toda claridade, catro aspectos relacionados co negocio do fútbol. Vexamos: o proceso de creación da demanda a través da análise do impacto das transmisións futbolísticas vía televisión por satélite ou cable; o campo da oferta no que atinxe a xogadores, compañías multinacionais de roupa deportiva, representantes dos futbolistas e empresas dedicadas á venda de dereitos de transmisión e comerciais; o que acontece coas denominadas ligas menores e a exclusión dos obreiros e clases populares que antes formaban o público principal deste deporte, e, finalmente, todo o relacionado cos problemas de gobernanza e regulamento dos clubes europeos.

O certo é que a comercialización e a globalización do fútbol producido en Europa ten orixinado, así o consignan os especialistas no tema, crecentes problemas de corrupción. Lembren vostedes o caso da FIFA (o FIFA Gate 2015), no que nove persoas asociadas ao ente reitor do fútbol mundial foron acusadas de fraude, crime económico organizado e lavado de diñeiro, sumados máis de 150 millóns de dólares en subornos. 

Cando escribo estas liñas prodúcese a noticia relativa a que o presidente do Centro Nacional de Formación de Entrenadores de Fútbol español, Miguel Ángel Galán, presentou diante da Fiscalía Anticorrupción unha denuncia que recae sobre Luis Rubiales, a Federación Española de Fútbol, Gerard Piqué e a empresa Kosmos Global Holding, da que o futbolista catalán é propietario. E cal é aquí o quid da cuestión? Un negocio máis que redondo. Levan a Supercopa española de fútbol ao réxime ditatorial de Arabia Saudita a cambio de 40 millóns de euros por cada edición, cunha comisión do 10% (4 millóns) para a empresa privada do futbolista. Tamén no denominado deporte rei o negocio duns poucos acaba por se converter nun excelente esterco para o avance da putrefacción na forma e no fondo dun espectáculo deportivo que só en Europa move arredor de 30.000 millóns de euros anuais.

Comentarios