miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

O método científico

Defendamos sempre, aquí e agora, a confirmación ou verificación empírica, o empirismo racional 

Ás veces, NO tempo que vivimos, existe a sensación, para algúns, de que o método científico, así, en singular, xa non é o que era. E hai quen xa deixou establecido dende a filosofía da ciencia que o método científico ‘exclusivo’ e universal sinxelamente non existe: porque resulta ben manifesto na actualidade que coexisten ciencias distintas con métodos distintos. Dito isto, tamén resulta evidente que hoxe en día o que se entende comunmente por ‘ciencia’ responde a unha certa institucionalización da mesma —e do seu concepto práctico—, rexida por unha sorte de empirismo interesado que filósofos tan importantes como Thomas Khun ou Paul Feyereband teñen criticado por limitador ou escorado cara a apegos en moitos casos espurios. 

O certo é que os métodos científicos existen e a colaboración científica global resulta de gran importancia e transcendencia, como proba o feito de que o ‘borrador’ da secuencia do xenoma do virus Sars-Cov-2 fose completado en pouco máis de 7 días, dende que a China alertara á Organización Mundial da Saúde da aparición do virulento microorganismo o 31 de decembro de 2019. A comezos do mes de xaneiro de 2020 a secuencia do xenoma xa estaba publicada e posta ao dispor de científicos e investigadores de todo o mundo. Bendita ciencia.

Defendamos sempre, aquí e agora, a confirmación ou verificación empírica, o empirismo racional

Outra cousa é, como denunciaron na revista Science os científicos especializados en deontoloxía e ética Alex London e Jonathan Kimmelman, a publicación, en tempos de pandemia —como así ten acontecido—, de pretendidos estudos científicos baseados en "pequenas evidencias inconexas" que provocaron, como era de prever, confusión ben certa. Un deles, publicado e despois ‘retirado’, atinxiu en poucos días máis de 15.000 puntos de impacto en Altmetrics (sistema de avaliación da actividade investigadora), e animaba a seguir, sen ningunha base científica, certas teorías conspirativas. Existiu tamén, en magnitudes mínimas, e en publicacións moi serias, sensacionalismo científico.

Mais o método científico (ou os ‘métodos’, segundo a ciencia en cuestión) segue a ser o único camiño para acceder ao coñecemento e á verdade (científica) en relación co presente e co futuro. Defendamos sempre, aquí e agora, a confirmación ou verificación empírica, o empirismo racional. A ciencia ten producido os máis importantes progresos e triunfos para a humanidade ao longo da historia. E iso é sinxelamente incuestionábel.

O método científico
Comentarios