Opinión

Nenos migrantes e violencia

SORPRENDE MOITO o feito de que existan persoas e organizacións políticas que botan as mans á cabeza cando se trata do feito da interrupción voluntaria do embarazo (Lei Orgánica, 2010) e, pola contra, non dubidan en oporse a condenar cunha declaración institucional (PP e Vox na Asamblea de Madrid) un atentado terrorista realizado contra os nenos e adolescentes estranxeiros acollidos nun centro de menores madrileño. Expresaba no seu día Ignacio Cosidó, referíndose ao que el considera aborto, que a protección da vida humana é o principio de toda civilización e que o desprezo á vida só conduce á barbarie. ¿Está de acordo entón o ex deputado co discurso que criminaliza e despreza, sementando odio e racismo, os nenos e nenas estranxeiros "non acompañados"? ¿Non habería que protexer por todos os medios a vida deses nenos dos continuos ataques, agora tamén de carácter terrorista, que sofren unha e outra vez dende distintos ámbitos políticos?

A Rede Europea contra o Racismo xa alertou, diante do ascenso da extrema dereita nas eleccións españolas, que existe un "vínculo entre o discurso do odio e os crimes de odio". E o ataque terrorista sufrido polo centro de menores madrileño de Hortaleza, no que tiveron que intervir os Técnicos Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos da Policía, supón un paso adiante na política do odio, levándoa xa neste caso á acción terrorista material. ¿Acaso a protección da infancia, tamén no que atinxe aos nenos de Hortaleza, non debera ser unha preocupación social e política de primeiro interese?

¿Por que se trata de asociar os nenos e adolescentes estranxeiros, pobres e sen familia con condutas criminais continuadas ou, máis en concreto, con violacións grupais, cualificándoos ademais de ‘manadas’? No pasado mes de novembro o mesmo centro de menores de Hortaleza sufriu un intento de asalto protagonizado por trinta persoas ao grito de ‘Patria’. Xulguen vostedes. Segundo a Fiscalía Xeral do Estado e manexando datos obxectivos do Sistema Estatístico de Criminalidade, non hai base ningunha para asociar o aumento da delincuencia coa presenza dos menores non acompañados. É máis, no ano 2018 rexistrouse a segunda porcentaxe máis baixa de menores estranxeiros investigados ou detidos dende a serie de datos que comeza en 2010. Deixouno ben dito Orson Welles: "O odio racista é o abandono da natureza humana".