Opinión

Mundo, mundo

COMO ACABAMOS coñecendo o mundo e en que consiste o mesmo son, sen dúbida, algúns dos retos que a filosofía e a socioloxía seguen a ter hoxe para tratar de superar certa miopía actual e certa ignorancia existente en tantas ordes da realidade. Vivimos rodeados por todo tipo de noticias e informacións que se verten sobre nós, sobre o mundo que nos toca vivir, e que, en moitos casos, velaí o ritmo da comunicación, pasan desapercibidas ou son obviadas fronte a outras que poden ocupar un primeiro plano.

Realicemos un experimento. Vexamos e leamos, ao chou, noticias de diversos xornais e de diversos países. E isto só no espazo dun día. Xornais europeos e americanos. Esta é a realidade. Síganme.

O Banco de España considera que, dos 56.679 millóns de euros aportados polo FROB en forma de capital (factura parcial do rescate bancario), só son recuperábeis 14.037. En nove semanas de protestas en Haití xa se produciron 42 mortos, en Bolivia contabilízanse 32 falecidos e en Chile xa se fala de máis de 40 mortos e centos de persoas detidas e torturadas. Mundo, mundo. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia reclama que no 2020 se manteñan os orzamentos do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego, dúas institucións "maltratadas e desmanteladas na última década pola Xunta de Galicia", tal como expresa o máximo órgano de representación dos actores, actrices e directores teatrais galegos.

Bolivia posúe 21 millóns de toneladas métricas de litio, un metal alcalino que é 'estratéxico' para as novas tecnoloxías

A cantante Guadi Galego, do mellor que temos no seu segmento artístico, acaba de ser galardoada polo seu último traballo discográfico, Inmersión, co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español, un recoñecemento no que participan representantes dos gobernos de Galicia, Euskadi, Navarra, Cataluña, Valencia e as Illas Baleares. Por outra banda, segundo o indicador Arope, a pobreza infantil afecta a 1 de cada 3 nenos en España, existindo 2,2 millóns de menores en risco de pobreza. Se non se toman medidas urxentes ao respecto, di a organización Save the Children, máis dunha cuarta parte dos nenos e nenas en España seguirán medrando en pobreza na próxima década.

E xa para rematar. Bolivia posúe 21 millóns de toneladas métricas de litio, un metal alcalino que é estratéxico para as novas tecnoloxías. É dicir, o país latinoamericano posúe practicamente o 70% das reservas mundiais de tan prezado metal. Teñen vostedes a palabra.

Comentarios