Opinión

Mulleres traballadoras

Porque, dadas as circunstancias que concorren en contra das mulleres traballadoras, estase a producir de xeito crecente unha feminización da pobreza

Aínda estamos a día de hoxe a reivindicar a igualdade plena e real entre mulleres e homes, e de xeito particular no ámbito laboral, pois é ben sabido que o sistema económico vixente entre nós leva a cabo unha explotación maior das mulleres, como nos ensinou a filósofa estadounidense Nancy Fraser, que é produto da súa condición social na maioría dos casos subordinada. Na actualidade sabemos que, practicamente en todos os países, as mulleres traballan menos horas en empregos remunerados –velaí os informes da Organización Mundial do Traballo–, mentres asumen ao mesmo tempo tarefas domésticas non remuneradas e non recoñecidas como traballo real. E ten que vir o Banco Mundial a nos lembrar que no plano global ás mulleres traballadores só se lles recoñece tres cuartas partes dos dereitos legais que se lles recoñecen aos homes.

O certo é que, a estas alturas da historia, aínda recoñecendo avances no tema en cuestión, existe unha división sexual do traballo que condena as mulleres a tarefas laborais en sectores máis precarios e pouco visíbeis ou directamente invisíbeis: véxanse aí os traballos de limpeza, alimentación ou no ámbito sociosanitario. Ou dito xeito: en todos os países do mundo, sen excepción, as mulleres que traballan a tempo completo gañan menos que os homes. Mais alén da innegábel fenda salarial existente, unha elevada porcentaxe de mulleres sofre diferentes modalidades de acoso machista no traballo e unha discriminación evidente no que atinxe á súa promoción como persoa cualificada e traballadora. 

No caso do Estado español, utilizándomos datos recentes (2020) dos Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha), sabemos que as mulleres traballadoras cobran un 29,3% menos que os homes. E o que é aínda, se couber, máis escandaloso: só un 37,1% de mulleres cobra pensión por xubilación, e as que a cobran reciben un 62,4% do que perciben de media os homes. Xulguen vostedes. Porque, dadas as circunstancias que concorren en contra das mulleres traballadoras, estase a producir de xeito crecente unha feminización da pobreza, pois as empregadas do fogar, na maioría dos casos, ou un número importante de traballadoras de empresas de servizos –velaí a realidade–, sofren o que se entende por pobreza económica.

E todo isto constitúe un verdadeiro escándalo democrático –non hai país que se libre–, e é unha afronta sen paliativos para a humanidade.

Comentarios