Opinión

O mestre Bernardo Mato

Viu a luz non hai moito un libro, obra dos historiadores Miguel Paz Cabo e Víctor Santidrián Arias, que nós xulgamos de coñecemento e recoñecemento obrigado. Publicado por Alvarellos Editora, o libro titúlase Os cadernos escolares da II República, levando como subtítulo, para maior concreción, Elaborados polo mestre de Teo Bernardo Mato e realizados polo seu alumno Antonio Rial (1933-1936). Trátase dun documento único —con máis de cen páxinas en edición facsimilar— sobre o traballo académico levado a cabo polo mestre Bernardo Mato no municipio coruñés de Teo, o que nos permite coñecer de primeira man a pedagoxía galega nos anos da Segunda República española.

Bernardo Mato, natural de Vinseiro (A Estrada) e emigrante en Cuba con apenas 20 anos, acabou obtendo o título de mestre na Escola Normal de Santiago de Compostela, e despois de exercer o maxisterio en distintas escolas do país fixou a súa praza definitiva en Teo no ano 1928, onde tamén exercería como presidente do Consello Local de Primeira Ensinanza. De sensibilidade galeguista e con visión moderna e vangardista no pedagóxico, na prensa da época daban conta da súa presenza en actos de "afirmación gallega" que permitían "apostrofar al caciquismo, ensalzar la autonomía, cantar los derechos de la mujer y explicar otras ideas fundamentales para la liberación de la tierra". Toda unha declaración de principios.

Coa publicación do libro 'Os cadernos escolares da II República', a figura do mestre demócrata e republicano de Teo brilla xa para sempre con letras de ouro na historia do noso país

Mais o mestre Bernardo Mato, que era un educador claramente avanzado e modélico en métodos e formas para a época —formado no espírito da Institución Libre de Enseñanza—, foi vítima, como tantos outros mestres, da violencia fascista de 1936, sendo obxecto dunha malleira levada a cabo por falanxistas pontevedreses que lle deixaría o cranio fracturado —fora salvaxemente sometido a diversas torturas— e que o levaría en poucos días á morte. No ano 2006 Bernando Mato foi homenaxeado na mesma escola de Teo —Escola Unitaria de Campos— onde impartira aulas e creara unha escola nocturna para adultos, propondo ademais naquela altura a aprendizaxe de oficios (formación profesional) á par do proceso de formación cultural básica.

Coa publicación do libro Os cadernos escolares da II República, a figura do mestre demócrata e republicano de Teo, Bernardo Mato, brilla xa para sempre con letras de ouro na historia do noso país. Sexamos todos nós, como quería Sarmiento, os seus discípulos.

Comentarios