Opinión

María Barcala

O TEATRO galego contemporáneo conta, en décadas ben completas, con algunhas 'damas' da interpretación (ao modo francés, como unha Sarah Bernhardt, unha Jeanne Moreau ou unha María Casares) que todos recoñecemos e admiramos, entre elas Rosa Álvarez, Ánxela Abalo, Mabel Rivera, Luma Gómez, Luísa Martínez ou Luísa Merelas, só por citar algúns nomes que hoxe resultan indiscutíbeis —e plenamente asentidos— no mundo da escena e que posúen, todos eles, unha xa longa traxectoria como actrices e como protagonistas principais en numerosas obras dramáticas. Mais a estes nomes debemos sumar, con claridade máxima, outro que reloce pleno por si mesmo no tempo e entre nós, María Barcala, a quen lembramos xa, sendo ela moi nova, como fundadora e intérprete da compañía Teatro da Mari-Gaila alá polos finais da década dos 70 do século pasado.

Cando o xurado do Premio de Interpretación Maruxa Villanueva lle outorgou a María Barcala o galardón que leva o nome da nosa actriz emigrante e republicana, referiuse de xeito particular á "elegancia e distinción" que amosa María Barcala sobre os escenarios, algo que sabemos e recoñecemos moi ben os que seguimos os pasos dunha das profesionais do teatro galego que máis intensidade interpretativa e escénica teñen producido ao longo dunha carreira artística que, neste caso, xa atinxiu os corenta anos ben cumpridos. María Barcala, sen dúbida, é unha das personalidades artísticas principais —e inclúo aquí o mundo das artes plásticas e das literarias— do panorama cultural dos nosos días, pois a súa traxectoria profesional, sempre 'in crescendo', e a súa calidade como actriz, sobradamente demostrada, marcan un fito difícil de superar no conxunto do universo creativo galego.

Na feliz ocasión como espectador teatral da obra Libre coma os paxaros, onde María Barcala, dirixida de xeito espléndido por Xulio Lago, interpreta a figura de Rosalía de Castro, con textos da poeta e sobre a poeta perfectamente 'axustados' polo director-dramaturgo, eu podo dar fe da altísima natureza interpretativa, dramática, de María Barcala. Porque nela brilla un idioma coidado con suprema delicadeza, porque nela hai unha voz que vén de dentro do corpo como unha brisa conmovente e porque nela resoan a terra e as raíces para seren o froito que treme ao vento ou que dá fogo que tempera ou que arrasa. Velaí a actriz e o seu xenio a se elevar no tempo.

Comentarios