Martes. 25.09.2018 |
El tiempo
Martes. 25.09.2018
El tiempo

Mares de plástico

CONVÉN LEMBRAR, de entrada, que máis de 8 millóns de toneladas de plástico rematan cada ano en mares e océanos, o que é equivalente a que un camión do lixo ateigado de plásticos usados baleire a súa carga cada minuto no líquido elemento. Só a gran mancha de lixo plástico que aboia entre a costa de California e Hawai —arredor de 80.000 toneladas— abrangue 1,6 millóns de quilómetros cadrados, case tres veces a Península Ibérica. E isto fainos pensar no que afirmou no seu día o físico Stephen Hawking, para quen a humanidade pode chegar a ser vítima, ou xa o está a ser, da súa propia estupidez, pois a contaminación ambiental e a avareza dos núcleos do poder económico vai en aumento e non semella ter límite.

No que atinxe aos plásticos mariños, ben é certo que a ONU, no Día Mundial do Medio Ambiente, reparou no tema, e tivemos ocasión de coñecer datos moi curiosos. Soubemos, por exemplo, que arredor de 5,25 trillóns de partículas de microplástico circulan actualmente polos nosos mares, o que supón unha cantidade 500 veces superior ás estrelas que refulxen na nosa Galaxia. E tamén tivemos acceso a un dato estarrecedor: se se mantén a tendencia actual de ‘plastificación’ de mares e océanos, no ano 2050 os nosos océanos terán máis plástico que peixes. Claramente.

Os seres humanos do denominado ‘primeiro mundo’, multieducados no consumismo, usamos 500.000 millóns de bolsas plásticas cada ano e mercamos 1 millón de garrafas plásticas cada minuto. Por iso o xeólogo Jan Zalasiewicz, da Universidade de Leicester, fala xa dunha "Era do Plástico", pois este derivado do petróleo entrou a formar parte da nosa vida a través de innumerábeis produtos e obxectos presentes no “paraíso” comercial no que vivimos. E unha boa parte dos macroplásticos e dos microplásticos van dar ao mar: un 10% do total producido.

En resumidas contas, a humanidade actual —coa máxima responsabilidade dos seus dirixentes no poder— está envelenando o mar, o que é o mesmo que dicir que se está envelenando a si mesma. Porque o lixo mariño formado por micro e nanoplásticos introdúcese na cadea trófica a través dos invertebrados e vertebrados mariños e do zooplancto. E chega a nós a través da alimentación. ¿Vai a humanidade tomar medidas para evitar a súa “mortal” plastificación? Non estaría de máis reflexionar a fondo sobre o tema, dende o celuloide ao metacrilato pasando polo plexiglás.

Mares de plástico
Comentarios