Opinión

Literatura luguesa

REFERÍNDOSE a unha denominada ‘Antoloxía poética da escola labrega luguesa’, escolma textual realizada por Xosé Lois García e publicada pola Fundación Novoneyra, o crítico literario Armando Requeixo dá conta da existencia entre os poetas antologados duns «estreitos lazos xeoliterarios», e é ben certo que conviven nese feixe de poéticas, de Leiras Pulpeiro ao autor de Os eidos, signos literarios, e mesmo signos lingüísticos, que identifican os autores, por vencellos e ligazóns observábeis, como propios dun ámbito, dunha ‘terra’ e dunha tradición neste caso ben asentada no espazo rural e campesiño lugués. Existe, madia leva, unha conexión entre a xeografía humana e a literatura, algo que ten sido denominado por algúns estudosos como ‘xeoliteratura’ e que atende a un ollar subxectivo sobre un espazo físico determinado, algo que ten que ver coa percepción e coa experiencia do novelista ou do poeta.

Uxío Novoneyra sabía moi ben —e isto fulgura na súa obra poética— que «o medio xeográfico onde nacemos (ou vivimos) inflúe e moldea a nosa personalidade», e esta certeza do sabio courelao obtén nos autores literarios de Lugo, sen dúbida, un particular rexistro, unha evidencia certa. Ninguén negará que na obra de Marica Campo, perfecta na súa música verbal, florecen as raíces do Val do Mao (O Incio), ese mesmo espazo, xunto a Quiroga e O Courel, que conmove decisivamente a obra de Ánxel Fole contida en libros como ‘Á lus do candil’ ou ‘Terra Brava’, pura acción xeoliteraria ambientada nas terras do Incio que inclúe o celme e o ritmo, en fondo e forma, da lingua falada no Monte da Serna ou no Alto da Lama.

¿E que podemos dicir da obra chairega e luguesa dun Manuel María ou dun Darío Xohán Cabana? Todos os poetas chairegos, en maior ou menor medida, proxectan en parte importante da súa obra a paisaxe vivida e a paisaxe sentida, marca chairega e luguesa que sempre está aí. Como acontece, noutra orde literaria, co Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro, extraordinaria mostra de fusión entre a realidade e a imaxinación dunha cidade e unha obra literaria que en boa parte é produto dela, como ben se apreza nos tipos populares da terra do escritor que cobran vida en ‘Escola de menciñeiros’, ‘Xente de aquí e de acolá’ e ‘Os outros feirantes’.

¿Existe unha literatura propiamente luguesa, xeoliterariamente luguesa en fondo e forma? Tema para outro artigo.

Comentarios