domingo. 15.09.2019 |
El tiempo
domingo. 15.09.2019
El tiempo

Lembranza de Eusebio Lorenzo Baleirón

TAL VEZ teña razón Xavier Alcalá cando denomina o noso país como 'impaís'. Mais impaís ou non, o que si é a nosa Galiza é un país ingrato con moitos dos seus escritores e artistas. Foino, sen dúbida, con Carvalho Calero, a través dunha das súas máximas institucións, a RAG, pois esta dedícalle o Día das Letras Galegas 30 anos despois do pasamento do egrexio profesor e escritor.

Mais se hai outro caso de esquecemento e de desconsideración este é o do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón, finado no ano 1986 e condenado á indiferenza por parte da Academia e, aínda diría eu, por parte do mundo cultural. Nestes tempos de tanta celebración da banalidade e de tanta forza actuante de determinados 'lobbys', tamén no eido literario, sorprende o manto de silencio (silencio de pedra) caído sobre Lorenzo Baleirón. Falecido o poeta de Laíño (Dodro) con 24 anos, deixounos unha obra poética, composta por tres libros, que ofrece unha calidade pouco común e que se mantén no tempo con toda a súa densidade expresiva e cun alento rítmico e perfección formal que seguen a determinar o gran valor lírico e literario do noso autor.

Ánxeles Penas, tradutora ao castelán e antologadora da obra poética de Lorenzo Baleirón, dá fe das intuicións luminosas do poeta e do convencemento de que existe na súa poesía un alfabeto exacto e sagrado co que nomear as cousas, o 'verbo de ouro' do que falan todas as cosmogonías. E Román Raña tense referido tamén ao poeta de Dodro como un creador "espléndido" e dono dun "dominio magnífico da lingua".

Nun tempo como o que vivimos, tan dado ao empobrecemento da linguaxe e a todo tipo de simulacros literarios, a poesía de Lorenzo Baleirón brilla por si mesma no máis alto da pirámide lírica galega. Como Avilés de Taramancos, o inmenso Avilés, tamén hoxe caído nese 'silencio cultural' ao que é tan propenso o país ingrato que somos. ¿E lembran vostedes se houbo celebracións de altura académica e cultural cando no ano 2017 se cumpriu o centenario da morte do grande Eduardo Pondal? Non houbo, non.

A obra poética de Eusebio Lorenzo Baleirón, quéirase ou non, estará sempre aí, alimentada pola súa propia enerxía comunicante, testemuño da vida dun poeta enraizado na luz do idioma; unha obra que se funde coa biografía do poeta, da cal é perfecto espello e chama incesante. Lean e coñezan a obra dun autor que foi e seguirá a ser extraordinario.

Lembranza de Eusebio Lorenzo Baleirón