Lunes. 22.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 22.10.2018
El tiempo

Guerras en África

As denominadas Forzas Especiais estadounidenses levan a cabo na actualidade cen "misións militares" en África con máis de 6.000 soldados
 

CONVÉN LEMBRAR, de entrada, que en África atópanse os 10 países máis pobres do mundo e que existen no continente africano máis de 18 millóns de refuxiados e desprazados. E tamén nunca debemos esquecer que na actualidade están activas en África 25 guerras e conflitos armados que raramente ocupan espazo informativo nos medios de comunicacións occidentais. ¿Por que hai tantas guerras en África?

A ninguén se lle escapa que as guerras en África teñen relación, no plano histórico, co reparto do continente levado a cabo no proceso imperialista seguido polas grandes potencias europeas no século XIX. E isto convén telo moi en conta, e analizalo aínda hoxe con perspectiva crítica, para lle dar as necesarias e aínda pendentes solucións. Porque é ben certo que moitos países africanos, trazadas as súas fronteiras seguindo "regras" de debuxo técnico, son produto dunha brutal práctica colonial que dividiu sobre o territorio tribos e etnias con barreiras fronteirizas artificiais que provocaron no tempo, e provocan aínda hoxe, graves enfrontamentos armados.

Pódese dicir, con todos os datos pertinentes, que as guerras de África e os conflitos bélicos que teñen lugar nese continente están en relación directa coa actividade económica de espolio e negocio obsceno que levan a cabo os países desenvolvidos europeos e occidentais. ¿Como adquiren as armas os exércitos e as guerrillas africanas, sendo África un continente no que existe pobreza manifesta e unha inxusta distribución dos seus enormes recursos naturais? ¿Por que non se actúa decididamente para ir ao fondo da cuestión dende instancias internacionais, coa ONU, por exemplo, como ente moderador? ¿Quen se estraña de que existan en África millóns de seres humanos que foxen da guerra e da miseria en procura dunha vida digna ou da mera supervivencia persoal?

As riquezas minerais e naturais de África son obxecto de atención espoliativa por parte dos EE UU, principalmente, e por un número moi importante de multinacionais petroleiras e mineiras occidentais. Só o comercio de diamantes move 42 mil millóns de dólares e serve para financiar, entre outros, os exércitos de mercenarios de Liberia, Angola e Serra Leoa. As denominadas Forzas Especiais estadounidenses levan a cabo na actualidade cen "misións militares" en África con máis de 6.000 soldados. E mentres, a vella Europa, pampa, ou arteira, tamén se apunta ao negocio.

Guerras en África
Comentarios