Opinión

Graciano, Siervo e Manuel

Eles non eran fillos do medo senón da verdade, non eran escravos do silencio senón voceiros da liberdade

CELEBROUSE en Mondoñedo, o día 13 de xaneiro, unha homenaxe popular a Graciano Paz, Siervo González e Manuel Núñez, asasinados hai 80 anos na vella capital do Reino de Galicia por un grupo organizado de falanxistas. En Galicia, como é ben sabido, non houbo fronte bélica posterior ao golpe de estado franquista, mais está ben documentada a execución de máis de 4.000 persoas (outras 7.400 foron procesadas), e téñase en conta que estas cifras son de ‘mínimos’, pois a investigación completa ao respecto, con nomes e apelidos, aínda non concluíu.

O acto cívico de Mondoñedo en lembranza e honra dos tres veciños executados polo terrorismo franquista nunha mañanciña de xaneiro de 1938 foi exemplar en moitos sentidos. Alí estiveron e interviñeron de palabra na cerimonia civil que se levou a cabo a carón do Cemiterio Vello todos os grupos con representación política no concello mindoniense. O Partido Popular, o BNG e o PSOE, a través dos seus voceiros municipais, tiveron palabras de homenaxe e recoñecemento a Graciano, Siervo e Manuel, o que significaba, palmariamente, unha condena expresa ao réxime de terror imposto polos golpistas do 36. E, entre as 200 veciñas e veciños que encheron de dignidade coa súa presenza o magnífico acto ao que nos referimos, estaba tamén, como máxima representante do municipio, a alcaldesa de Mondoñedo e presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia. Dende aquí, saudámola.

Graciano Paz, casado e con unha filla, era latoeiro de profesión e dirixente da Unión Socialista Galega. Siervo González, casado e pai de catro fillos, era funcionario municipal, fora candidato a Cortes pola Unión Socialista Galega e era secretario local da CNT. E Manuel Rodríguez, casado e sen fillos, era comerciante e militante da CNT. Alí, nesta homenaxe de Mondoñedo, houbo palabras xustas e un silencio máximo de sentido respecto polas figuras dos tres demócratas asasinados. A emoción foi máxima cando tomaron a palabra os netos de Graciano e de Siervo. Tamén vibrou na pel dos presentes a voz ao vento de César Morán. E o discurso do Cronista Oficial de Mondoñedo, o escritor Antonio Reigosa, fíxose peza oratoria maior na forma e no fondo: «Graciano, Siervo e Manuel representan unha lección que debéramos interiorizar xa para sempre; eles non eran fillos do medo senón da verdade, non eran escravos do silencio senón voceiros da liberdade».

Comentarios