Opinión

Francisco Pillado

Francisco Pillado é, sen dúbida, un dos grandes creadores culturais da segunda metade do século XX

FÓISENOS O corpo físico de Francisco Pillado —Pancho Pillado para os amigos—, mais fica para sempre entre nós e no tempo o seu corpus Intelectual, literario e cultural na súa máxima expresión. E podemos afirmar que para un home de letras como era Pancho Pillado, figura de culto para un alto número de persoas, non existe a morte entendida como radical desaparición da vida, pois a morte só chega, como ben nos deixou dito García Márquez, co esquecemento, e o noso escritor e amigo nunca será esquecido.

Francisco Pillado, ensaísta, profesor, tradutor, editor e investigador, por citarmos cinco eixos que centraron o seu quefacer vital, foi todo iso, como é ben notorio, mais foi ao mesmo tempo moito máis que todo iso ao que se alude. Se eu tivese que trazar o perfil da súa personalidade cultural en dúas liñas, fixaría, por unha banda, o seu legado material, toda a súa obra literaria e de investigación coñecida e recoñecida, e, por outra, o seu legado inmaterial: todo o que abrangue dende o seu incansábel activismo cultural ao seu labor continuo de pedagoxía intelectual e de animación incesante en todo o que atinxía a dar alento a novos valores literarios e a todo tipo de novas ideas e accións.

Eu tiven a fortuna de realizar con Francisco Pillado tres libros dos que el se sentía particularmente moi orgulloso. O primeiro, publicado en 1986, foi a biografía dialogada Conversas en Compostela con Carvalho Calero, e os outros dous foron os dous tomos de conversas con Xosé Manuel Beiras publicados, respectivamente nos anos 1989 e 2004, cos títulos A nación incesante e A estrela na palabra. Ambas as dúas obras, pasado o tempo, seguen a ser fundamentais, se mo permiten, para coñecermos as figuras do mestre ferrolán e do mestre compostelán.

Francisco Pillado é, sen dúbida, un dos grandes creadores culturais da segunda metade do século XX. Dende os seus pioneiros traballos de investigación sobre a historia do teatro galego realizados con Manuel Lourenzo, Pillado logo se converterá no colosal editor de Edicións Laiovento, a mellor e máis moderna editora especializada en ensaio do país. Mais tamén está o Pillado tradutor do teatro universal ao galego, con máis de vinte obras traducidas que van, entre outros autores, de Chéjóv a Strindberg e de Ionesco a Beckett. Unha misión impagábel. Descanse en paz o vello amigo con ten tanto traballei e aprendín.

Comentarios