Opinión

Finitude do planeta

Ata 250 científicos e 70 países xa explicaron que a resistencia aos antibióticos, por exemplo, será en pouco máis de dúas décadas a primeira causa de morte humana no mundo 

O ’Informe sobre Sostenibilidad en España 2021’, elaborado pola Fundación Alternativas, é taxativo ao respecto, e con aplicación a todo o planeta: o crecemento económico indefinido é imposíbel mantelo á vez que se mantén a sustentabilidade ecolóxica. E isto por unha simple razón ben doada de entender, porque os procesos socioeconómicos interactúan dentro da biosfera e da realidade física da Terra. E tanto a biosfera como a realidade física da Terra son finitas.

Digámolo doutra maneira. Tal como sostén a Global Footprint Network —unha entidade que ten como obxectivo promover o rigor científico e a aplicación práctica da pegada ecolóxica para cuantificar a demanda humana sobre a natureza—, o noso planeta, é dicir, a humanidade, xa padece un déficit crecente de recursos, e ao ritmo que levamos, para o ano 2030, teremos consumido os recursos, en proxección, de dous planetas enteiros. E isto acontece, por certo, cando máis de 800 millóns de persoas pasan fame no mundo e máis de un millón de especies animais e vexetais están na actualidade en perigo de extinción debido —asegurouno no seu día António Guterres— á imprudente interferencia da humanidade coa natureza.

Existe, sen dúbida, no ámbito dos distintos poderes que dirixen o destino da especie humana, unha pulsión extrema de irresponsabilidade, unida esta a unha inconsciencia ou ignorancia sen límites.Mais alguén sinalaría ao mesmo tempo nas altas esferas do dominio mundial a existencia, alén dunha perda pavorosa de intelixencia, dun impulso autodestrutivo que o becerro de ouro executa nunha caste de guerra xorda que mantén contra a natureza, contra a humanidade.

Que o planeta está a piques de se suicidar é algo que até as Nacións Unidas advirten; velaí, por exemplo, a desaparición da capa de xeo do Ártico, o aumento alarmante do número de mortes por contaminación do ar nas cidades ou o crecemento imparábel do deserto en numerosas rexións da Terra. 250 científicos de 70 países (‘Informe sobre as Perspectivas do Medio Ambiente’ elaborado pola ONU) xa explicaron que a resistencia aos antibióticos, por exemplo, será en pouco máis de dúas décadas (véxanse os vertidos contaminantes na auga) a primeira causa de morte humana no mundo. Nós e o planeta, fica ben claro, somos finitos. Agás a estupidez crecente de boa parte do poder reinante que leva a nave da vida a bater directamente contra as rochas.

Comentarios