Opinión

Filosofía para a paz

Estándomos xa como estamos nun século XXI tinxido de violencias diversas e gravísimas que non é preciso enumerar, algunhas delas en modo crecente, e de guerras que continúan ou medran e se expanden como no caso da Ucraína, faise urxente e inescusábel ampliarmos as metodoloxías, e dotar de todos os medios, materiais e intelectuais, a Investigación para a Paz. Cando se observa nas sociedades modernas —advertiuno o filósofo Axel Honneth— a existencia de deformacións de carácter patolóxico no que atinxe ás facultades humanas racionais, debidas estas a determinadas prácticas de carácter social —o desleixo existente no que atinxe á educación dos individuos, por exemplo—, ábrese a porta, dadas esas circunstancias, ao monstro da violencia e á barbaridade da guerra.

Sempre teremos que lembrar aquí, falando do que falamos, ao pedagogo galego Xesús Rodríguez Jares, unha das máis grandes autoridades internacionais en materia de educación para a paz, que non dubidaba en afirmar que os sistemas educativos actuais, con moi poucas excepcións, reproducen unha sorte de violencia estrutural nas súas vías expositivas e prácticas, sendo así que tanto nas formas como nos contidos acaban por se converter en refractarios a unha verdadeira educación para a paz. O noso amigo e profesor Suso Jares, que nos deixou vai xa para 14 anos e que en realidade era un «filósofo da paz», entendía esta como un concepto inseparábel da xustiza social, do desenvolvemento, dos dereitos humanos e da democracia. E defendía unha educación para a paz que englobase a comprensión internacional, a multiculturalidade, o dereito á identidade, a cooperación, a non violencia e mesmo unha «educación para o desarme». 

A educación e a filosofía para a paz —vexamos o que está a acontecer na actualidade— son absolutamente necesarias. Mais no mundo que vivimos, cunha Europa en grave decadencia moral e cultural, non cotizan os valores dunha verdadeira educación para a paz e para o coñecemento crítico da realidade. Como defendía Kant, filósofo hoxe esquecido nos tristes apousentos da política europea e internacional, a paz debe sosterse como un deber xurídico e moral «inmediato». Contra o «si vis pacem, para bellum» do militar romano, o filósofo de Königsberg formula o «si vis pacem, para iustitiam». Se queres a paz, procura a xustiza política. Poñamos en primeira orde a filosofía para a paz.

Comentarios